DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comisariada por Yolanda Barriocanal, a mostra está percorrendo vilas que forman parte do seu antigo

Unha exposición itinerante devolve o Camiño Real de Castela ás súas vilas de orixe

O día 2 de febreiro será inaugurada en Cea, despois de estar en Allariz, Xinzo de Limia e Verín

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 26/01/2012

Verín, Xinzo de Limia, Allariz e Cea son catro vilas ourensás que teñen en común estar incluídas no itinerario do antigo Camiño Real. Por este motivo son tamén as paradas da exposición O Camiño Real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata, unha iniciativa que quere dar a coñecer a realidade histórica de esta ruta precisamente nos lugares que foron protagonista dela. A mostra, itinerante, é froito do libro co mesmo nome da historiadora da Universidade de Vigo Yolanda Barriocanal e chegará o vindeiro 2 de febreiro a Cea para rematar o seu periplo por Ourense e dirixirse, como non podía ser de outro modo, ao Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

A exposición, organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a Consellería de Educación e Cultura, está comisariada pola propia autora do libro e recolle visualmente en 30 paneis a historia de esta infraestrutura territorial que vertebrou Galicia no século XVIII e que ten as súas orixes na época romana. “A través das ilustracións e da cartografía expostas os visitantes poden achegarse á realidade histórica da ruta, ao proceso histórico da súa formación e á transformación e valoración da súa riqueza patrimonial e natural”, destaca Yolanda Barriocanal.

Os mapas e planos manuscritos seleccionados para a mostra e procedentes de diferentes arquivos e bibliotecas, explica a historiadora, “permiten comprobar a densidade dos camiños do século XVIII, identificar o trazado orixinal do Camiño Real e amosar as razóns históricas que o fixeron posible”. Ademais de facer unha descrición física e histórica do itinerario, Barriocanal fai fincapé en que na mostra intentaron reflectir “o deficiente estado das vías de comunicación de esa época, unha precariedade contra a que os pensadores e ilustrados galegos alzaron a súa voz por ser causante do atraso económico de Galicia”.

Valorizar para ter futuro

Ademais da función divulgativa e informativa, a profesora da Universidade de Vigo salienta a importancia de que con este libro, publicado co apoio do Grupo Marcelo Macías, e con esta exposición queren contribuír a poñer en valor o Camiño Real e fomentar a súa recuperación. Actualmente, advirte, aínda que está enmarcado na denominación de Camiño de Santiago co título de Ruta da Prata, está en fase de estudo para a delimitación do seu trazado e das zonas de protección. A pesares das grandes transformacións que sufriu a rede viaria interior desde o século XVIII para servir ao transporte actual, a autora sinala a importancia do recoñecemento de este camiño como parte dun territorio histórico e a valoración dos seus elementos patrimoniais.

Despois de estar exposta na Casa do Escudo de Verín, na Casa da Cultura de Xinzo de Limia e na Sala de Exposicións A Fábrica en Allariz, a próxima parada da mostra será o Edificio Multiusos Municipal en San Cristovo de Cea, onde será inaugurada o día 2 de febreiro ás 19.00 h e onde permanecerá ata o día 5 de marzo. A mostra, de entrada libre e gratuíta, está tendo en todos os lugares polos que pasa unha excelente acollida, motivo de especial satisfacción para a súa comisaria porque, explica, “facer esta exposición é de algún xeito un modo de devolverlle á sociedade os froitos dos estudos que realizamos”. En este senso salienta o enriquecemento que supón poder ofrecer ás persoas que actualmente viven nas localidades polas que pasa o antigo trazado unha visión desde fóra das súas raíces e historia.