DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode visitarse ata o vindeiro día 18 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias

Unha exposición rescata do esquecemento a dez mulleres que marcaron a historia das matemáticas

A mostra amosa o “enxeño e brillantez” de dez pioneiras que desafiaron todo tipo de prexuízos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Académica
D. Besadío DUVI 10/02/2022

Con motivo do Día Internacional da muller e a nena na ciencia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais saca esta semana a relucir as biografías e os descubrimentos de dez mulleres que, “desafiando todo tipo de prexuízos”, dedicaron a súa vida ás matemáticas. Faino coa exposición Matemáticas x matemáticas, dez carteis nos que se propoñen actividades e se recollen as “importantísimas” achegas a esta ciencia realizadas por estas mulleres, así como os obstáculos que a maior parte delas tivo que vencer para realizar a súa función investigadora. 

Elaborados por alumnado de distintas titulacións e supervisados por docentes dos departamentos de Matemáticas e Investigación Operativa, a exposición recupera o material empregado nunha actividade que se levara a cabo no curso 2007-2008 baixo o mesmo título. “A través das inspiradoras biografías destas mulleres, amosando os obstáculos que tiveron que superar para poder realizar o seu traballo investigador, e da análise das súas contribucións científicas, queremos poñer de manifesto a súa valía e rescatalas do esquecemento ao que foron (e son) condenadas”, explica a profesora Carmen Quinteiro, unha das investigadoras implicadas neste proxecto.

Da antiga Grecia ao século XX

Escolleron dez mulleres que abarcan dende a antiga Grecia ata o século XX: da pitagórica Teano (século VI a.C.) ata Hypatia (370?-415),a primeira mártir da ciencia. Cun salto importante no tempo pasan ao século XVIII con mulleres como Carolina Lucretia Herschel (1750-1848), centrada no ámbito da astronomía, e Sophie-Marie Germain (1776-1831), unha das pioneiras na teoría da elasticidade e con importantes contribucións á teoría dos números.

Chegado o século XIX, Ada Lovelace  (1815-1852); Florence Nightingale (1820-1910); Alice-Marie Boole (1860-1940); Emmy Noether (1882-1935) e Sofia Kovalevskaya (1850-1891) son o prototipo de mulleres científicas que nesta época comezaban a incorporarse á universidade para ter unha vida académica propia, rachando co modelo tradicional de muller.

A máis recente das matemáticas da exposición é a estadounidense Julia Hall Bowman Robinson (1919-1985), primeira muller en presidir a Sociedade Americana de Matemáticas e que destacou na teoría de números con traballos destacados sobre teoría da computación, teoría da complexidade computacional e, especificamente, na teoría de xogos.

Experimentos relacionados coas achegas de cada unha 

“En cada cartel tentamos transmitir a paixón que estas mulleres sentiron polas Matemáticas e amosar o enxeño e brillantez  con que resolveron os  problemas que as fascinaron”, subliña Quinteiro, ao que engade que o cartel de cada personaxe contén, ademais  duns trazos biográficos, a descrición  dun par de actividades didácticas relacionadas coas achegas científicas. “Seguramente, estas propostas son os elementos máis singulares deste traballo. Animamos á comunidade universitaria a achegarse á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para descubrilas e gozar coas Matemáticas feitas por matemáticas”, recalca a docente.

Un proxecto que arrancou no curso 2007-2008

Na elaboración dos carteis orixinais participaron 38 alumnas e alumnos das licenciaturas de Química, Ciencias do Mar, Economía, Administración e Dirección de Empresas e Relacións laborais. Estiveron orientadas por profesorado do Departamento de Matemáticas  e do Departamento de Estatística e Investigación Operativa (Nicanor Alonso, Amelia Verdejo, Marta Pérez, Esperanza Sanmartín, Estela Sánchez, Miguel Ángel Mirás e Carmen Quinteiro). Durante aquela actividade -que estivera patrocinada polo Departamento de Matemáticas e a Área de Igualdade da Universidade de Vigo- creáronse 16 carteis, cada un deles dedicado a unha matemática.