DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovida pola Deputación de Lugo, pode visitarse na Sala Universitaria Manuel Moldes

Unha exposición reúne unha serie de reproducións de instrumentos medievais presentes no Pórtico da Gloria

Xunto a réplicas creadas a partir das representacións noutros monumentos e documentos históricos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/12/2022

Resultado de diferentes proxectos de investigación centrados na música medieval, a exposición itinerante A memoria do son reúne as réplicas dos oito instrumentos musicais máis populares na Europa dos séculos XII e XII, construídas a partir das súas representacións escultóricas en espazos como o Pórtico da Gloria. Xurdido da colección de instrumentos musicais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), da Deputación de Lugo, este proxecto expositivo poderá visitarse ata o 27 de xaneiro na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, onde as reproducións dunha xiga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro preséntanse acompañadas duns códigos QR que permiten coñecer como soaban estes instrumentos.

“Podemos asegurar que estas réplicas están moi preto dos instrumentos daquela época”, salientou o comisario desta mostra, Luciano Pérez, no seu acto inaugural, que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora do campus, Eva Lantarón, e a coordinadora da Sala Manuel Moldes, Chelo Matesanz, e que se completou coa actuación do grupo de zanfonas da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus.

Na súa intervención, o reitor lembrou que a Universidade aprobou un plan estratéxico con “tres liñas principais de actuación”, as de ser unha institución “absolutamente comprometida coa igualdade”, unha institución que “aposta pola internacionalización” e a de ser “unha universidade galega” que debe exercer “como altofalante para todo aquilo que ten que ver coa cultura, coa tradición, co noso modo de ser e de estar no mundo”. De aí que sinalase A memoria do son como “unha exposición extremadamente acaída” para os obxectivos da Universidade, incidindo na importancia, como tamén fixo Lantarón, de pór en valor a tradición e a historia de Galicia. “É imprescindible saber de onde ves para coñecer o presente e tamén para forxar un futuro”, salientou nese senso a vicerreitora.

Redescubrir os sons dunha “época gloriosa”

Como explicou Pérez, o proxecto de A memoria do son nace da colección de instrumentos musicais e o arquivo documental do Centrad, sendo o resultado dunha serie de investigacións de carácter multidisciplinar, que permitiron reunir nesta mostra as réplicas dos oito instrumentos “máis populares en Europa entre o 1103 e o 1270”, que representan á súa vez “todas as técnicas de interpretación da época, xa que se poden tocar cos dedos, cunha púa, con arco ou tamén con roda”. A súa construción tivo como punto de partida representacións escultóricas ou documentos nos que estes instrumentos se plasmaban graficamente, como as cantigas de Alfonso X, nas que se observaba o modelo de zanfona de caixa rectangular, a súa versión máis primitiva, que pode observarse nesta mostra. Os músicos representados no Pórtico da Gloria, por outra banda, serviron como punto de partida para as réplicas da viola de brazo, da que se acompañaban xograres e trobadores como Martín Códax, e do organistro, que alcanzou unha gran difusión nos séculos XI e XII co nacemento da polifonía vocal, segundo recolle o catálogo desta exposición. Reproducidas no Pazo de Xelmírez, poden verse nesta exposición unha viola de perna e un cítola, mentres que as esculturas do Rei David, presentes na Catedral de Santiago, serviron como base para recrear unha xiga e unha rota, un “enigmático instrumento que se confunde coa arpa”.

No seu conxunto, “conforman un legado cultural dunha época gloriosa da nosa historia”, salientou Pérez dos instrumentos que poden contemplarse nunha exposición que percorreu diferentes cidades e vilas de Galicia e que proximamente poderá verse na Casa de Galicia en Madrid. Mais, co obxectivo non só de “redescubrir o traballo dos artesáns artistas daquela época” e de promover “novas liñas de traballo” para os do presente, senón tamén de achegar a música medieval a “novos públicos”, a exposición vese completada recursos como códigos QR que permiten coñecer como soaban. Estes preséntanse en cartelas “con dous niveis de información”, un con “datos técnicos” dirixido a músicos, artesáns e investigadores e outro que busca espertar a “curiosidade” de públicos novos, explicou. 

Xunto cunha reprodución do pórtico da igrexa de Portomarín e de actividades para nenos e nenas, a exposición complétase cun salterio que pode ser tocado polos visitantes. Coa idea de que estes “poidan sentir nas mans un instrumento milenario”, este preséntase con “tres partituras moi sinxelas” que permiten, sen necesidade de coñecementos musicais, facer soar dúas cantigas de Alfonso X e unha de Martín Códax, á que neste acto puxo son o músico e coordinador da Aula Permanente de Música Tradicional, Suso Vaamonde. “Pretendemos crear un espazo para ver, tocar e sentir”, concluíu Pérez, que destacou que Galicia é “unha referencia en Europa” no referido aos traballos de recuperación de instrumentos medievais.