DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inauguración desta mostra viuse completada coa presentación da memoria da facultade

Unha exposición reúne as visións da Axenda 2030 do alumnado de Dirección e Xestión Pública 

Resultado dun proxecto de innovación docente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/04/2023

No referido á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), da Axenda 2030 das Nacións Unidas, que se pode facer desde a xestión pública? A esta pregunta tratou de darlle resposta o alumnado da Facultade de Dirección e Xestión Pública nun proxecto de innovación docente que abranguía tres materias do primeiro curso do grao. Os resultados dos seus traballos plásmanse agora nos diferentes paneis que integran a exposición Axenda 2030. Un reto para a humanidade. Un reto para a universidade, inaugurada este xoves. Esta inauguración, na que diferentes alumnos e alumnas foron presentando as súas reflexións respecto dos 17 ODS, viuse complementada pola presentación da memoria da facultade, un documento que, como explica o seu decano, Enrique Varela, fai balance “de onde vimos e onde estamos agora”, á vez que sinala os principais retos de futuro da facultade.

A presentación destas dúas iniciativas, englobadas, como explicou Varela, “baixo o paraugas da celebración de SantaKata DXP”, contou nesta xornada coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e do vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago; así como do director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, e da directora de Área de Equidade e Diversidade, Henar Quintas. Despois de que diferentes estudantes fosen presentando os diferentes paneis que integran a mostra que pode visitarse na Ágora da facultade, as e os participantes foron felicitados por “un traballo magnífico”, como salientou o decano, e por ter contribuído “a unha exposición que vai servir para dar a coñecer a Axenda 2030”, como engadiu Lantarón.

Nese senso, a vicerreitora lembrou ao alumnado que con esta exposición coordinada polo profesor Xosé Mahou “estades facendo un labor importante a nivel social”, mentres que Manuel Reigosa animounos a continuar afondando nesta liña de traballo. Concretamente, o reitor lembroulles que “no seu momento a Universidade fixo un esforzo colectivo por incluír os ODS no noso plan estratéxico”, o que levoulle a animalos a que fixesen as súas achegas a un documento “que está totalmente vivo e que imos ir modificando”, posto que "a Facultade de Dirección e Xestión Pública ten moito que dicir en practicamente todos os ODS”. 

Os ODS aos ollos do alumnado

A exposición é o resultado dun proxecto de innovación, "que facemos por primeira vez”, explicou Varela, e que levou ao alumnado do Grao en Dirección e Xestión Pública a analizar os ODS “de maneira transversal e integrada”, no marco de tres materias de primeiro curso. O propósito desta iniciativa, explicou, era que o alumnado “desenvolvese a Axenda 2030 desde a perspectiva da xestión pública”, nunha serie de traballos que o centro quixo “pór en valor en forma de exposición”. 

Con esa idea, a mostra reúne 17 paneis, un por cada ODS, no que se presentan unha serie de datos que expoñen a situación global a respecto de cada obxectivo e as principais problemáticas a combater, á vez que poñen o foco nos efectos que tivo en cada eido a pandemia provocada pola covid-19. A partir de aí, cada panel recolle tamén a resposta achegada polo alumnado á pregunta de que se pode facer desde a xestión pública. Nese senso, na mostra ponse o foco na importancia de que as institucións públicas “garantan a protección social de todos os nenos e nenas e outros grupos vulnerables”, no referido ao ODS 1 (fin da pobreza), mentres que no referido ao segundo obxectivo (fame cero), poñen de relevo a importancia de “cambiar o sistema agroalimentario global, producir alimentos sostibles e aumentar a produtividade agrícola”, á vez que pon o foco na necesidade de “fortalecer os obxectivos públicos”, no referido ao ODS 4 (educación de calidade).

Xunto ás reflexións sobre os 17 obxectivos, a exposición conta tamén con información xeral sobre a Axenda 2030, os ODS e o desenvolvemento sostible, á vez que aborda o papel que pode xogar neste eido a universidade, “considerada un actor central na posta en marcha dos ODS”. Así mesmo, a exposición presenta tamén os resultados dunha enquisa realizada a 77 estudantes do campus, e que recolle algúns “datos preocupantes”, como que menos da metade das persoas participantes coñecía a Axenda 2030, aínda que a gran maioría, o 96,7%, consideraron que o seu contido é importante, sinalando o fin da pobreza, a fame cero e a saúde como os ODS máis relevantes. 

O camiño percorrido e o camiño por percorrer

Este acto completouse coa presentación da memoria da facultade e do seu deseño estratéxico para o período 2023-2030, un documento que afonda no camiño percorrido por estes estudos e a súa misión, así como nos diferentes ámbitos de actividade do centro, desde as prácticas ou a mobilidade internacional, ata as actividades long-life learning ou as súas alianzas internacionais. Nese senso, o documento fai balance dunha traxectoria que arranca coa posta en marcha, no curso 1999/2000, da diplomatura en Xestión e Administración Pública, na antiga Facultade de Ciencias Sociais, posteriormente substituída polo Grao en Dirección e Xestión Pública, que no curso 2020/2021 sumaba á súa modalidade presencial outra de carácter virtual, nunha iniciativa pioneira no Sistema Universitario de Galicia. 

A memoria afonda tamén no proceso de creación desta facultade, completado en 2022, para logo recoller tamén a “axenda estratéxica” cos seus retos de futuro. Neste apartado defínense cinco “obxectivos estratéxicos” para os próximos anos, como a “consolidación dun proceso de institucionalización”, coa intención de “crear unha nova lóxica híbrida de ensinanza-aprendizaxe no sistema universitario galego”. A combinación da presencialidade coa “virtualización académica e institucional” conecta así mesmo con outros dos retos do centro, a súa internacionalización, pondo o foco principalmente en América Latina e no espazo da lusofonía. Outras das medidas propostas son a creación dunha comunidade alumni, que reúna a antigo alumnado de Dirección e Xestión Pública, o “desenvolvemento do talento público” que se forma na facultade e unha aposta pola inclusión dun alumnado diverso.