DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A feira divulgativa quere visibilizar e potenciar a presenza da muller na ciencia e enxeñarías

'Exxperimenta en feminino' reunirá a 90 investigadoras e alumnas do campus e 230 escolares

A cita será o día 6 de febreiro no edificio Politécnico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Premios
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 30/01/2019

90 investigadoras e alumnas de Ciencias, Enxeñaría Informática e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e 230 alumnas e alumnos preuniversitarios. Con estas cifras preséntase a II Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas Exxperimenta en feminino, que terá lugar no campus de Ourense o día 6 de febreiro. Cun formato de feira divulgativa, a iniciativa ten como obxectivo fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre rapazas e rapaces facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas.

Compromiso e ilusión desde a base

A xornada celébrase no marco da programación que na Universidade de Vigo, concretamente nos campus de Ourense e Vigo, se desenvolverá co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que é o 11 de febreiro. Exxperimenta en feminino, explican desde a súa organización, é unha iniciativa “de base, nacida das investigadoras deste campus”, que conta co apoio da Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. “O obxectivo é dar visibilidade á investigación en ciencia e tecnoloxía feita por mulleres”, comentou na presentación da xornada Alma Gómez, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática e coordinadora da iniciativa xunto a Julia Carballo, profesora de Ciencias, e Nieves Lorenzo, profesora de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Para acalo, apuntou, a actividade ten un formato de feira na que o alumnado, de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato de tres centros da cidade de Ourense e un de Verín, vai a participar en experimentos dirixidos por mulleres e relacionados coas súas áreas de investigación. O alumnado preuniversitario será tanto masculino coma feminino xa que, indicou Alma Gómez, “cremos que é tan importante que as nenas vexan que hai mulleres facendo estas cousas como tamén que os nenos se conciencien de que a muller ten cabida en calquera destas actividades”.

“Esta iniciativa ten un valor moi grande porque contribúe a sementar na xente nova a conciencia da normalización da presencia da muller como protagonista en todos os ámbitos na sociedade”, comentou Ana Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, que fixo fincapé en como a institución está “moi orgullosa das científicas e tecnológas deste campus, do seu compromiso e do seu esforzo”. “Estamos todas moi ilusionadas. Agardamos que todo saia polo menos como o ano pasado”, engadiu Julia Carballo. Esta ilusión é compartida non só polas investigadoras senón tamén polas alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo implicadas na iniciativa dado que o centro, de nova creación, non conta cunha masa de investigadoras tan alta como os outros dous participantes. “Estamos moi orgullosas das alumnas que temos, son marabillosas, moi activas e moi comprometidas”, recalcou Nieves Lorenzo.

Trece postos

O programa de actividades desenvolverase en horario de mañá e tarde nas instalacións do edificio Politécnico. Trala benvida conxunta, as rapazas e rapaces visitarán en grupos reducidos as trece mesas ou postos atendidos por cada grupo de investigación en diferentes espazos do edificio. Concretamente participarán investigadoras de Microbioloxía; de Enxeñaría Química; de Xeografía, Edafoloxía e Química Agrícola; de Bioquímica, Nutrición e Bromatoloxía; de Ephyslab; de Tecnoloxía dos Alimentos; de Enxeñaría Aeroespacial; de Química Orgánica; de Informática, Linguaxes e Sistemas e de Enfermaría. Ademais celebrarase a entrega dos premios do III Concurso de Redacción e Debuxo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Entre as novidades deste ano, investigadoras e alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo atenderán un espazo no que baixo o título Contra Efecto Matilda, explicarán ás e aos escolares como voa un avión, empregando unha maqueta dun túnel de vento feito por elas mesmas. As investigadoras procedentes da Facultade de Ciencias desenvolverán pola súa banda un amplo abano de actividades e postos. As e os estudantes poderán ver microorganismos da auga mediante microscopio e coñecer valores “ocultos” da biomasa. Tamén poderán participar en demostracións das propiedades dos elementos, afondar na organización de moléculas e realizar pequenos experimentos sobre as propiedades do solo ou sobre os fenómenos da meteoroloxía e a oceanografía. Acorde coas liñas de investigación deste centro, a alimentación terá un protagonismo especial. En diversos postos, as e os asistentes poderán ter unha visión panorámica da ciencia e da tecnoloxía culinaria; xogar a separar ou mesturar colorantes alimentarios; coñecer o azucre que se esconde nos alimentos e aprender a descubrir aromas e sabores nos alimentos. Xa da Escola Superior de Enxeñaría Informática, as investigadoras desenvolverán unha actividade centrada en amosar ferramentas sinxelas que permiten ás e aos escolares crear pequenos videoxogos ou dirixir avatares. Por último, a saúde tamén estará presente, podendo o público asistente coñecer o seu grupo sanguíneo ou como salvar unha vida.