DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seminario celebrarase os vindeiros 29 e 30 de xuño no Castelo de Soutomaior

"Facendo historia" achegará unha análise académica da construción da memoria histórica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 25/06/2009

Cara a finais de 2007 o Congreso dos Deputados aprobou a Lei da Memoria Histórica pola que se recoñecen a amplían dereitos e se establecen medidas a favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura. A lei incluíu o recoñecemento a todas as vítimas, a apertura das fosas comúns ou a retirada dos símbolos franquistas das vías públicas. Sen embargo, a polémica que causou a súa implantación non tivo unha análise axeitada no ámbito académico. Unha eiva que será cuberta polo seminario Facendo historia: os medios de comunicación e a construcción da memoria histórica. A cita celebrarase os vindeiros 29 e 30 de xuño nun marco simbólico: o castelo de Soutomaior
Alberto Pena, coordinador do evento patrocinado polo Consello Social da Universidade e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Historiadores da Comunicación (AHC) e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, propón un debate académico arredor da construción da memoria histórica porque, segundo explica, “non ten habido ningún e é preciso abordar esta cuestión con perspectiva, sen emoción, e analizar a construcción que dela fixeron os medios”. Para iso o programa do seminario contará coa presenza de representantes de dous medios históricos como Faro de Vigo e Diario de Pontevedra e establecerá tres mesas redondas arredor deste tema en España, Portugal e outros territorios como Galicia e Cataluña.

Catro ámbitos de estudo

Na primeira delas, que levará por título Historia, memoria e medios de comunicación en España e inaugurará a programación, estará integrada polos doutores da Universidad Complutense de Madrid Alejandro Pizaroso e Mirta Núñez Díaz-Balart e Juan Antonio García Galindo, da Univerisidad de Málaga e estará moderada por Ignacio Rodríguez Iglesias, do Consello Social da Universidade de Vigo. Estes “primeiros espadas do tema”, como os define Pena, darán o relevo á mesa seguinte, que abordará o mesmo tema no marco portugués. Nela intervirán Mário Mesquita, ex director de Diario de Noticias e Diario de Lisboa, dous cabeceiras senlleiras portuguesas; Isabel Nobre Vargues, directora da sección de historia do Centro de Estudos Interdisciplinarios del siglo XX da Universidade de Coimbra; e o propio Alberto Pena, en calidade de presidente da AHC. Esta sesión estará moderada polo profesor doutor da Universidade, Manuel Fernández Areal.
O caso galego e catalán terán o seu protagonismo na xornada do día seguinte. Para abordalos a organización planeou dúas novas mesas redondas nas que dous profesores de universidade e dous representantes de medios expoñerán as súas visións. Xosé López, profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, e Ceferino de Blas, conselleiro de Faro de Vigo, atenderán aos aspectos claves da cuestión en Galicia. No caso catalán, os convidados serán Josep María Figueres i Artigues, da Universidad Autónoma de Barcelona, e Antón Galocha, director do Diario de Pontevedra.

Visita a Faro de Vigo e Diario de Pontevedra

Na tarde do luns, os participantes no seminario terán a oportunidade de visitar as instalacións de Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Na sé do diario decano da prensa española terán a oportunidade de coñecer exemplares de prensa únicos ademáis dunha escolma de anuncios históricos e coñezarán polo míudo a historia da rotativa empregada por este diario vigués. Igualmente, na visita a Diario de Pontevedra, a delegación poderá coñecer os pormenores da historia deste medio, protagonista e testemuña da cidade de Pontevedra.