DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo organizará este mes tres cursos sobre competencias pr

Como facer unha entrevista de traballo e non morrer no intento

O obxectivo é formar ao alumnado para que teña maior éxito académico e profesional

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/01/2013

Á hora de enfrontarse á vida profesional, o alumnado universitario vai precisar, para ter éxito, os coñecementos adquiridos nas aulas pero tamén unha serie de habilidades, como a capacidade de comunicarse, de convencer ou de buscar oportunidades e aproveitalas. Con este obxectivo a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense ofrece este mes unha serie de cursos que pretenden complementar a formación académica dos estudantes en diferentes eidos cunha perspectiva práctica. Entre outras cuestións, os participantes aprenderán a enfrontarme ás probas de selección e ás entrevistas de traballo "sen morrer no intento".

Para o alumnado universitario dos últimos cursos, o centro ofrece de balde o Curso sobre como enfrontarme ás probas de selección e á entrevista sen morrer no intento. Con 25 prazas dispoñibles, a formación terá lugar os días 23 e 24 de xaneiro e será impartida pola psicóloga María González, directora de In Out Consulting, unha consultora de recursos humanos especializada na formación de habilidades directivas e na selección de postos de alto perfil técnico. Durante nove horas, os participantes familiarizaranse coas probas de selección máis empregadas polas entidades, realizarán algunha delas, coñecerán o comportamento axeitado nas dinámicas de grupo e nas entrevistas de traballo e a realizarán un currículo e unha carta de presentación.

Competencias horizontais e Excel

A programación de cursos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo tamén inclúe a realización, a partir do día 21 de xaneiro, dun Curso de competencias transversais, dirixido a estudantes que están na recta final dos seus estudos. Alén da parte teórica, esta iniciativa incluirá na súa programación a realización dun obradoiro sobre como redactar textos escritos, outro sobre habilidades de comunicación e outro sobre a busca de recursos de información.

Por último, o centro tamén ofrece este mes de xaneiro, concretamente os días 21 e 22, un Curso básico de Microsoft Excel. A iniciativa, tamén de balde e con 30 prazas dispoñibles, está nesta ocasión dirixida ao alumnado de primeiro curso de calquera dos graos que se imparten na facultade ourensá. O seu obxectivo é introducir as estudantes no uso dunha ferramenta básica e de grande utilidade para o desenvolvemento dos seus traballos académicos como é a folla de cálculo.