DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dora Romero pecha a sexta edición dos ‘Xoves de Moda’

Facer dos teus soños un modo de vida

Deseña para a súa propia marca e conta cunha tenda no centro de Barcelona

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 14/04/2011

Vivir do que realmente che apaixona é un privilexio nos tempos que corren, pero non é imposible ou, cando menos, así o pensa Dora Romero, última convidada da sexta edición dos Xoves de Moda, o ciclo organizado por Esdemga, Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galiza. Alumna da promoción 1998-2003 da titulación de Belas Artes, recoñece que desde pequena xa sentía atracción pola moda “facendo os meus primeiros bosquexos en clase” e defínese como unha profesional “moi técnica e bastante obsesionada cos tecidos” tendo sempre en mente o resultado final. Foi quen de crear a súa marca propia e “de sobrevivir a partir dela”, comenta a deseñadora.

Aclara que a posibilidade de crear unha empresa de seu se lle presentou dunha forma espontánea, pero “con moita ilusión e tamén con moita inxenuidade, sen ser consciente realmente de todo o que supuña montar o teu propio negocio”. A principal satisfacción recae “en que podo facer as miñas propias coleccións libremente, materializando as miñas ideas”. Ten unha tenda propia no centro de Barcelona o que lle permite “sobrevivir” ademais de “ter contacto directo coa xente e uns clientes habituais que van desde xente nova ata de idade avanzada”. Recoñece que o seu “é un proxecto pequerrecho no que non podo arriscarme a facer todo o que quero” pero no que pode manifestar ao máximo “a miña forma de concibir a moda”.

Tamén destaca a complexidade de levar adiante “un soño” como é que toda a responsabilidade da empresa recaia sobre unha soa persoa. “Un ten que levar os seus propios números, deseñar, xestionar a tenda, facer os patróns, mover as producións... é moi duro porque son moitos postos para unha soa persoa”, aclara Romero.

Importancia do acabado e das telas

Na súa época de estudante aparcou o seu interese pola moda para centrarse no mundo da arte, “pero nos últimos anos de carreira volveu xurdir e decidín matricularme na Escola de Moda de Barcelona”. Define a súa forma de deseñar como “bastante terreal” fixándose nas pequenas cousas e tendo como fontes de inspiración o cine a fotografía. Os seus deseños mostran a súa preocupación polo acabado e a súa “obsesión” polos tecidos naturais. “O que máis me interesa é visualizar a prenda final, como vai quedar posta e que goce dunha limpeza visual”, explica. A técnica adquire especial importancia “tendo en mente en cada momento como se vai montar cada peza da prenda”.

Deseñadora de roupa para muller, considera esencial o purismo nos tecidos e, aínda que non califica a súa roupa como comercial “si que me gusta que o que fago se poida poñer e a miña máxima realización é ver a xente vestida cos meus deseños pola rúa”, apunta Romero.

Un produto que "non é real"

Comparando as pequenas marcas coas grandes industrias como Inditex asume que “estamos nunha clara inferioridade de condicións pois ofrecen un produto que non é real collendo ideas de un lado e de outro e establecendo uns prezos que tampouco se achegan á realidade do mundo da moda”. Neste contexto de “descompensación” o cliente acaba pensando “que os pequenos deseñadores lle estamos tentando roubar á hora de ofrecerlle unha prenda”, conclúe.