DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A faceta artística dos obxectos que nos rodean a cotío

Belas Artes organiza un ciclo para afondar nos conceptos de deseño e creatividade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 04/11/2010
Co fin de crear un foro de debate e creatividade, teóricos, creadores e investigadores de diversos países europeos reuniranse en torno ao ciclo Creación na fronteira, organizado polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, onde profundizarán na difusa fronteira existente entre a arte e o deseño.

Para ofrecer unha visión distinta e máis próxima da creatividade, as imaxes e os obxectos que nos rodean a cotío converteranse en protagonistas dos relatorios, postoque a arte non só está nos museos, senón que utiliza a rúa como escaparate infinito. “Pretendemos ademais afianzar a relación entre o mundo profesional e o da docencia”, explica a profesora Anne Heyvaert, organizadora do ciclo, que engade que “precisamente por isto é polo que están dirixidas a estudantes dos últimos cursos e alumnos de máster”.

Relatores do máis alto nivel

O deseño de obxectos centrará a primeira parte do ciclo que dará comezo o vindeiro 18 de novembro coa conferencia inaugural impartida pola tamén docente de Belas Artes Ana Soler, que disertará sobre as conexións entre os artistas e os deseñadores. A sesión completarase coa explicación do sociólogo René Veenhuizen, representante do Droog Design Holandés, sobre a necesidade de explorar novos métodos creativos e produtivos, a partir de objetos cotidianos reutilizados, integrando experiencia, casualidade, intuición, ironía, interactividade e, por suposto, reciclaxe.

Ao día seguinte, o venres 19, o protagonismo será para Manel Bertomeu, enxeñeiro industrial e director manager de Bosbst Group Ibérica que centrará a súa intervención no Packaging sostible. Xa pola tarde Bertomeu xunto con René Veenhuizen, José Andrés Santigo e Nicolás Sobrino abordarán a temática do deseño de obxectos, consumo e creación.

As sesión reanudaránse o día 26 coa intervención de Alberto González Alegre, comisario e crítico de arte, que ofrecerá unha revisión de dous momentos fundacionais na teoría e práctica do deseño contemporáneo que poden ser xeralizados como constructivistas, por unha banda, e englobarse no concepto Pop, por outro. Eulogio Rosales completará a sesión cunha intervención titulada Del plano al volumen.

Arte gráfico e deseño de arte son os temas sobre o que versará a etapa final do ciclo, prevista para os días 2 e 3 de decembro e que contará coa participación do artista belga Jan Mast, ao que Heyvaert define como “un xove deseñador cun inmenso potencial”.

As xornadas de carácter técnico compleméntanse cun obradoiro transversal

O plantel de relatorios complétase cun obradoiro transversal que se desenvolverá en coordinación co Taller de preimpresión en artes gráficas do IES Montecelo. Os asistentes aprenderán a proxectar, deseñar e producir obxectos 3D a partir de planchas de cartón utilizadas normalmente na industria do envase e da embalaxe. Ao mesmo tempo recibirán formación para o manexo dos programas Autocad e Ilustrator, así como de maquinaria plóter de corte e troqueladora.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de novembro. Os interesados en partipar deberán acudir ao laboratorio de técnicas gráficas da Facultade de Belas Artes calquera luns, martes ou venres en horario de dez e as dúas da tarde.

Programa das xornadas