DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase en Ourense o acto de benvida aos estudantes de intercambio

A faciana internacional do campus vólvese lusófona

23 dos 49 alumnos proceden de Brasil e oito de Portugal

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 18/09/2012

Como vén sendo tradición en cada inicio de curso, a comunidade universitaria deu a benvida este martes ao alumnado de intercambio que este cuadrimestre estudará nas aulas do campus de Ourense. Este ano sen embargo o perfil dos estudantes estranxeiros mudou moito respecto a edicións anteriores. O motivo, a posta en marcha do programa Ciencia Sen Fronteiras con Brasil. Dos 49 alumnos que este cuadrimestre estarán no campus de Ourense, 20 proceden dese programa e veñen para estudar todo o curso académico na Facultade de Ciencias.

“Fixestes unha moi boa elección, tanto de cidade coma de universidade”, díxolles Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, aos estudantes estranxeiros presentes na recepción. “O noso obxectivo será facer que a vosa estadía no noso campus sexa o mellor posible, tanto desde o punto de vista académico coma persoal”, destacou María Lameiras antes de dar paso aos responsables dos diferentes servizos do campus, que presentaron aos estudantes os seus servizos e instalacións.

Este curso estudarán no campus de Ourense preto de medio cento de estudantes. 49 deles xa están no campus de Ourense, 27 para quedar todo o curso e 22 para facer só o primeiro cuadrimestre. 20 destes 49 alumnos veñen a través do programa Ciencia Sen Fronteiras; 19 a través dos Programas Erasmus e 20 a través de convenios bilaterais con diferentes países. Por centros, a Facultade de Ciencias é a que máis alumnos estranxeiros recibe, 24 en total. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolle once estudantes; a de Ciencias da Educación oito; a de Dereito cinco; e a de Historia un. En total xúntanse persoas de nove nacionalidades diferentes, pois 23 estudantes proceden de Brasil; oito de Portugal; seis de México; catro de Turquía; tres de Francia; dous de Italia; un de Alemaña; un de Polonia e un de Uruguai.

Primeiras impresións moi boas

Entre estes alumnos de intercambio están os brasileiros Renán Vidal e Fabiano Pacentchuk, que veñen para estar todo o curso na Facultade de Ciencias dentro do programa Ciencia Sen Fronteiras. “A nosa primeira impresión é moi boa. Os profesores parecen moi receptivos e o cadro de materias que estudarei en Ciencias Ambientais parece moi interesante”, explica Vidal. Con esta primeira boa imaxe, coa facilidade de ter idiomas “irmáns” e co prestixio co que conta a Universidade de Vigo na súa facultade de orixe, apunta Pacentchuk, estes alumnos agardan que o seu paso polo vello mundo sexa o máis frutífero posible.

As súas opinións sobre a Universidade e tamén sobre a cidade de Ourense son compartidas polas alumnas Vanessa Funke, de Alemaña, e Tamara García, de Uruguai, as dúas únicas representantes dos seus respectivos países no campus de Ourense. Matriculadas na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, estarán este cuadrimestre no campus e aínda que non tiñan referenzas del amosan a súa satisfacción por estar “nunha cidade pequena pero moi segura, limpa e bonita, con xente moi educada” e nun campus no que poderán aprender materias diferentes ás das súas facultades de orixe e en grupos pequenos.