DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O público ateigou a apertura da programación musical do primeiro cuadrimestre

Facto Delafé y las Flores Azules encheu de hip-pop optimista o Teatro Vidal Bolaño

A música volve o 5 de novembro co ciclo Sonora 08

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 23/10/2008

A luminosidade e o positivismo tan pouco asociadas ao outono foron as protagonista do concerto de Facto Delafé y las Flores Azules, que abriu a programación musical do primeiro cuadrimestre promovida pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.
Como unha das bandas do momento, estes barceloneses gañan adeptos día a día e o seu primeiro álbum, que presentaron este xoves no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, está chamado a ser un dos discos nacionais do ano. Baixo o título El monstruo de las ramblas agóchase unha música positiva, alegre e festiva que moitos xa definen como hip-pop. O público que ateigou o teatro para este concerto de estrea da nova programación puido gozar dun repertorio a medio camiño entre o parafraseado do hip-hop e as melodías indies, sempre cun toque electrónico ao tempo que pop. Letras e sons optimistas, frescos e positivos para dar a benvida ao outono musical no campus de Vigo da man de Marc Barrachina como Facto, Óscar D’Aniello como Delafé e Helena Miquel como Las Flores Azules. A acollida que banda obtivo entre o público universitario demostra que a súa aceptación segue medrando, sobre todos tras dar o gran salto ao tomar parte na banda sonora orixinal da película Yo soy la Juani, dirixida por Bigas Luna, coa que acadaron adeptos tanto entre o público con entre a crítica.

A música volve con Sonora 08

Con este tipo de iniciativas a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes pretende facilitar o acceso da comunidade universitaria ás últimas creacións culturais de vangarda, tanto da música como do arte dramático, ofrecendo unha programación ampla e diversificada ao longo do primeiro cuadrimestre. Deseñada para formar aos futuros espectadores, a oferta musical volve os vindeiros 5 e 12 de novembro co xa clásico ciclo Sonora 08. Esta aposta pioneira no campus inclúe a actuación de The Strugglers e a proxección do documental sobre Neil Young Heart of gold dirixido por Jonatahan Demme e o concerto de Mishima e Manos de Topo.