DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Bioloxía abre as súas portas á sociedade para dar a coñecer o seu potencial académico e investigador

Empresas, institucións e alumnos e profesores da ESO visitarán o centro o 8 e 27 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 05/05/2009

Baixo o título O seu éxito, o noso éxito, a Facultade de Bioloxía organiza dúas xornadas de portas abertas os vindeiros días 8 e 27 de maio. O obxectivo desta actividade, dirixida aos centros de Educación Secundaria e entidades externas, é “dar a coñecer ás empresas da contorna e aos futuros universitarios a profesión de biólogo e a formación específica dos nosos titulados”, explica Pedro Pablo Gallego, decano do centro. Ademais, aproveitando a próxima implantación do novo Grao en Bioloxía, “tamén se presentará este título adaptado á normativa de converxencia europea”.
As máis modernas infraestruturas, a aplicación das novas tecnoloxías, os laboratorios experimentais, a atención personalizada cun profesor titor, a mobilidade dos estudantes a través de programas de intercambio, as prácticas profesionais en empresas e institucións... “son un exemplo”, segundo Gallego, “dunha facultade de referencia no mundo universitario, onde fomentamos o espírito de investigación para contribuír ao avance científico e á solución dos problemas da sociedade”.

Presentación do día a día na facultade e dos seus proxectos

O programa da actividade componse dunha charla-coloquio a cargo do propio decano, dunha visita guiada polo centro e a despedida cun pequeno aperitivo.
Gallego presentará, por un lado, o novo Grao en Bioloxía, “facendo especial fincapé nas novidades con respecto a actual licenciatura”, e na mesma liña, tamén afondará nos aspectos xerais do Plan Boloña para que, no caso das empresas e institucións, “saiban o papel que xogan no desenvolvemento da parte práctica dos novos graos”. Unha das cuestións presentes no novo EEES é o aumento da empregabilidade, polo que “é moi interesante para nós manter un contacto directo con estas entidades externas, aumentando os convenios de cara a que todo o alumnado poida estar un tempo de prácticas nelas, unha condición obrigatoria no novo proxecto formativo”, sinala o decano. A día de hoxe a facultade traballa cunhas 50 empresas, e 50 tamén son o número de alumnos que están matriculados este ano no último curso, o que “supón ter as prácticas, neste caso voluntarias, aseguradas”, sinala Gallego.
El mesmo será o encargado de guiar a visita ao longo de todo o edificio amosándolle as diferentes instalacións. Unha actividade esta que lle resultará especialmente interesante aos futuros universitarios, que poderán implicarse máis “realizando algunha práctica nos laboratorios, manexando o instrumental, etc”.
A primeira das xornadas, a deste venres, irá dirixida ás empresas e institucións, na cal se prevé a presenza de representantes dunhas 20 entidades; mentres que a do día 27 acudirán preto dun cento de profesores e alumnos dos centros de Educación Secundaria.