DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Bioloxía celebrará o bicentenario de Darwin cun ciclo de conferencias

Juli Peretó, da Universidade de Valencia, inaugurá os relatorios o vindeiro 20 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/10/2009
Coincidindo coa celebración do bicentenario do nacemento de Darwin e dos 150 anos da publicación de A Orixe das Especies, a Facultade de Bioloxía súmase aos actos de recoñecemento coa organización dun ciclo de conferencias. Os relatorios botarán a andar o vindeiro martes coa intervención de Juli Peretó, Instituto Cavanilles da Universidade de Valencia que disertará sobre A orixe da vida, no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais ás 13.00 horas.
O ciclo está organizado polo centro co patrocinio da Rede Galega de Conservación da Diversidade Biolóxica e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla co fin de renderlle homenaxe a un dos científicos máis influentes da historia da humanidade. As conferencias desenvolveranse ata o mes de decembro e serán impartidas por recoñecidos científicos e investigadores tanto da propia Universidade de Vigo como de institución alleas. Despois de Juli Peretó, o ciclo continuará o 27 de outubro con Rafael Zardoya, do Museo Nacional de Ciencias Naturales, cun relatorio titulado El árbol de la vida. Xa no mes de novembro celebraranse outras dúas ponencias, os días 3 e 24 do mes, da man de Emilio Rolán, profesor da Universidade de Vigo e coordinador desta iniciativa e de Santiago Elena, do Instituto de Biología Molecular y Celular de Plantas do CSIC en Valencia, respectivamente. O primeiro deles afondará na adaptación no ambiente intermareal e o segundo impartirá un relatorio titulado Evolución a tiempo real.

Os dous últimos relatorios, en decembro

No mes de decembro porase o punto final a este ciclo coa intervención o día 9 de Hernán Dopazo, do Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia, na que se chegará ao concepto de evolución xenómica. Para rematar, Miguel Toro, do INIA, de Madrid, ofrecerá unha conferencia o 15 de decembro baixo o título Darwinismo, sociedad y cultura.
Salvo a charla de Dopazo, que terá lugar ás 10.00 horas, o resto celebrarase no salón de acto do Edificio de Ciencias Experimentais a partir das 13.00 horas.

Programa completo das conferencias