DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Centro Cultural da vila ata o 23 de maio

A Facultade de Bioloxía expón na Guarda unha mostra con 800 especies animais

Procedentes de Galicia e de lugares tan afastados como a Antártida, América do Sur ou África

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/05/2009

Dende as diferentes especies de marisco que se poden atopar nas rías galegas ata unha ampla colección de bolboretas, pasando por infinidade de insectos, tartarugas, morcegos ou peixes. A diversidade do mundo animal resumida en Expo-Animalia, unha mostra que acolle o Centro Cultural da Guarda, organizada pola Facultade de Bioloxía e a asociación naturalista Baixo Miño, Anabam.
Esta exposición, que se poderá visitar ata o vindeiro 23 de maio, segundo explica Manuel A. Pombal, profesor do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e vicepresidente de Anabam, “organizámola co gallo do bicentenario do nacemento de Charles Darwin e do 150 aniversario da publicación de El origen de las especies”. A idea xurde como ampliación das actividades desenvolvidas no seo programa da Semana da Ciencia, na que se desenvolveu o concurso de deseño de maquetas de animais artrópodos. “Achegar a Universidade á sociedade, ao público en xeral, é unha obriga de todos os membros da comunidade universitaria”, apunta Pombal, e esta iniciativa, que nace intención de consolidarse ano a ano, “trata de buscar este obxectivo”.
En total son 800 especies diferentes de animais de todo o mundo, “con representación de case todos os filos, 17 en concreto”, explica o profesor, é unha mostra de filoxenia animal, a parte da bioloxía que estuda a evolución das especies de forma global. Unha boa parte da colección, pertencente no seu conxunto á Facultade de Bioloxía, céntrase nos animais de procedencia galega e facilmente recoñecibles para os visitantes cunha ampla representación de crustáceos e moluscos, moitos deles exquisitos manxares das rías galegas. Xunto coa biodiversidade de Galicia, hai un espazo para especies procedentes de partes do mundo moi afastadas como a Antártida, África ou América do Sur. “Moitas destas mostras son traídas por investigadores da facultade que realizan campañas nestas zonas e adoitan traer e especies que poden ser de interese para as actividades científicas e docentes no centro”, apunta Pombal.

Unha mostra divulgativa

A pesar de que finalidade da colección na Facultade de Bioloxía é eminentemente científica e docente, tratouse de dotala dun alto compoñente didáctico para que os visitantes da exposición poidan coñecer algo máis do mundo animal. Para isto instaláronse paneis e carteis explicativos explicando algúns dos datos máis relevantes de cada especie, o número de especies de cada filo ou as partes do animal.
Por outra banda, como explicou Manuel A. Pombal, puxéronse a disposición dos visitantes varios microscopios, algún deles conectado á pantalla dun televisor, que permitirán ver de preto animais comúns como as pulgas ou os piollos, pero que polo seu tamaño reducido non son moi coñecidos.
Expo-Animalia pode visitarse de 10.00 h a 13.00 h e de 17.00 h a 20.00 h de luns a venres e de 10.00 h a 13.00 horas os sábado ata o vindeiro 23 de maio Centro Cultural da Guarda.