DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización dun ciclo de conferencias sobre evolución

A Facultade de Bioloxía participa na celebración mundial do Ano Darwin

Conmemorando o bicentenario do científico e o 150 aniversario da súa obra "A orixe das especies"

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 14/04/2009

Provocar unha revolución na historia natural e tamén na concepción humana converteu a Charles Darwin nunha insignia indiscutible do universo das ciencias. Por este motivo, neste ano 2009 organízanse, a nivel internacional, diferentes actividades para conmemorar o 150 aniversario da publicación da súa gran obra A orixe das especies e o bicentenario do seu nacemento.
Dentro da infinidade de actos a celebrar en todo o mundo, a Facultade de Bioloxía únese ao Ano Darwin coa posta en marcha dun ciclo de conferencias sobre a evolución. Profesores da Universidade de Vigo e doutras do estado español ofrecerán diferentes relatorios acerca do tema, “tratando de desentrañar as claves da evolución dun xeito ameno e accesible aos estudantes e público en xeral”, sinala o decano, Pedro Pablo Gallego.
O programa deu comezo hoxe co primeiro dos relatorios, Selección sexual postcópula: los odonatos como sistema modelo, da man do profesor vigués Adolfo Cordero. Xa este xoves, será a segunda das citas na que Carlos José Castrodeza, da Universidade Complutense de Madrid, afondará nos mitos e lendas arredor de Darwin. As cinco conferencias restantes que compoñen o ciclo sucederanse ao longo de todos os martes das vindeiras semanas, o 21 e 28 de abril e o 5, 12 e 19 de maio. Todas elas serán no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, en horario de 13.00 a 14.00 horas.
Continuando cos festexos, dende a organización destas xornadas confirmouse a previsión dunha segunda fase desta actividade a partir do mes de outubro, “que seguirá afondando nos logros deste científico británico”, apunta Gallego.

Autor da teoría da evolución e da orixe das especies

Quinto fillo dun médico acomodado, Darwin naceu o 12 de febreiro de 1809 na localidade inglesa de Shrewsbury. Dende moi pequeno, sempre amosou predilección pola natureza, coleccionando exemplares de escaravellos, moscas, vermes e calquera outro tipo de insecto que se lle cruzase polo camiño.
Foi durante unha viaxe a Beagle, en 1831, convertido xa nun afamado naturalista, cando Darwin desenvolveu a súa teoría sobre a evolución das especies. A partir de aí, dedicouse de maneira obsesiva a procurar probas que avalaran irrefutablemente os seus fundamentos, o que o levaría á publicación o 24 de novembro de 1859 de A orixe das especies. Nese mesmo día, esgotouse a primeira edición de 1250 exemplares, motivo polo cal xa estaba preparada para xaneiro unha segunda tirada de 3000, e así sucesivamente ata acadar os 12500 exemplares coa sexta edición, lanzada ao mercado en febreiro de 1872.
Trátase dun ensaio, argumentado profusamente, que defende a evolución gradual dos organismos por medio da selección natural, descartando toda necesidade de intervención sobrenatural, o que supuxo un enfrontamento coas teorías creacionistas y catastrofistas vixentes na época; sen embargo, ao final, a razón impúxose e Darwin foi recoñecido polo seu mérito.