DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro ven de recibir a avaliación favorable da ANECA ao novo Grao en Bioloxía

A Facultade de Bioloxía reforza o seu papel como referente de calidade no EEES

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Lucía Costas DUVI 08/05/2009

A Facultade de Bioloxía está de parabéns. Este ano o centro acadou, segundo o seu decano Pedro Pablo Gallego, “tres grandes hitos”. O pasado mes de xaneiro recibiron por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ACSUG, dentro do programa FIDES-AUDIT, o informe favorable á fase de deseño do Sistema de Garantía Interno de Calidade, “o que supón para a facultade un certificado e selo de gran importancia”, remarca Gallego. Por outra parte, a finais do pasado mes de abril, a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación, Aneca enviou a avaliación favorable ao novo Grao en Bioloxía, “un dos primeiros recibidos na Universidade”; e para reforzar ambas as dúas accións teñen xa aprobado o Plan de Acción Titorial. As boas novas prodúcense ao abeiro do Plan Estratéxico, que funciona dende 2005 e que “nos levou a acadar a situación de excelencia actual”, apunta o decano.

Adiantándose aos acontecementos

Para os estudantes e profesores da Facultade de Bioloxía “Boloña xa non é novo”, sinala Gallego. Dende o ano 2004 lévanse realizando diferentes probas de adaptación, experiencias piloto, ao Espazo Europeo de Educación Superior, e ata o momento “o 91% das materias que se imparten no centro seguen a guía docente e os ECTS”, ao que hai que engadir as diferentes infraestruturas adaptadas tamén a esta nova etapa: “aulas, seminarios, salas de videoconferencias, laboratorios...”. Deste xeito, no mes de setembro, “o paso da licenciatura ao grao será moi sinxelo xa que se ven aplicando a metodoloxía de Boloña durante os cinco últimos anos”, explica o decano “limitándose a un mero trámite administrativo”.
A estrutura deste novo proxecto formativo consta de tres módulos: un de formación básica no ámbito das ciencias experimentais, “que sería o primeiro curso, con 60 créditos ECTS”; un segundo obrigatorio, “coas materias específicas para a formación dun biólogo”, correspondente a 2º e 3º con 120 créditos ECTS, e un último profesionalizante, cuarto curso con 60 créditos ECTS, “que lle proporcionará ao estudante unha formación que responde ás necesidades do mercado laboral constituído por materias obrigatorias e optativas, incluíndo prácticas externas”.
Respecto aos mestrados, o pasado curso xa comezaron a impartirse un de acuicultura e outro de neurociencias; o vindeiro curso engadiranse dous máis na oferta da facultade: Metodoloxía e aplicacións en ciencias da vida, “que capacita ao alumno para posteriormente realizar investigación”, e Educación Secundaria, antigo CAP, “que os forma para seren profesores de secundaria, formación profesional e idiomas”. Non obstante, estase traballando xa na posta en marcha de tres mestrados máis que “ao menos dous de seguro comezarán en 2010”, asenta Gallego.

Taxa de desemprego inferior ao 5%

Investigacións, prácticas en entidades externas, intercambios a través de programas de mobilidade e moitas outras opcións, “todas elas resumidas en calidade”, é o que ofrece, segundo o seu decano, a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. “Unha formación eminentemente práctica cun 40% de créditos prácticos”, sinala Gallego, “valorada cunha nota media-alta polo 80% dos nosos licenciados”. Ademais, o decano asegura que “unha mesma porcentaxe traballa, sendo a taxa de desemprego inferior ao 5%”.