DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Bioloxía volve a premiar as mellores fotos sobre a evolución das especies

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 06/11/2009

Un ano máis, e con esta van seis edicións, a Facultade de Bioloxía organiza o Concurso de Fotografía Biolóxica que, desta volta, e coincidindo co bicentenario do nacemento de Charles Darwin e dos 150 anos da publicación de A orixe das especies, versará sobre A evolución e adaptación dos seres vivos.
O prazo de recepción das obras abriuse este martes e pecharase o vindeiro 9 de novembro, admitíndose un máximo de tres por autor. Coas obras recibidas realizarase unha exposición fotográfica no Edificio de Ciencias Experimentais a partir do día 12 e a entrega de premios terá lugar, como vén sendo habitual, na celebración do patrón da Facultade de Bioloxía, o San Alberte, o mesmo 12 de novembro.

Características das obras

O concurso está aberto tanto a fotografías únicas como montaxes que ben poden ser en cor ou en branco e negro. O tamaño mínimo da fotos será de 10x15 cm e o máximo de 20x30 cm, sendo as dimensións máximas no caso das montaxes de 40x60 cm. Para a presentación das obras, deberán ir montadas sobre cartolina cun marco de 2 cm onde deberá figurar o título da obra.
A entrega das obras realizarase na Biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais antes das 14 horas do día 9 e cada participante entregará dous sobres pechados. Nun deles identificado no exterior coa palabra “obra” deberán incluírse as fotografías, identificadas na súa parte posterior cun pseudónimo e, no outro sobre, irán os datos do autor, identificados no sobre con “pseudónimo elixido”.
O xurado, composto por catro membros, un representante do equipo decanal, outro do PDI, outro do PAS e outro dos alumnos, outorgará dous premios para a modalidade de fotografía e outros dous para a de montaxe.