DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A listaxe para docencia no corpo de ensino secundario si admite graduados

A Facultade de CC do Mar e Oceanógrafos de Galicia denuncian a exclusión de licenciados nunha lista de contratación temporal da Xunta

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 03/02/2021

A Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo e a asociación de Oceanógrafos de Galicia unen as súas voces para denunciar a exclusión dos e das profesionais con licenciatura na lista de interinidades e substitucións da Xunta de Galicia para a docencia no corpo de ensino secundario dentro da especialidade de Navegación e Instalacións Mariñas. Non obstante, a resolución provisional de persoas admitidas e excluídas desta lista de contratación temporal, publicada este martes 2 de febreiro, si inclúe ás e aos graduados, “incorrendo, non só nunha clara discriminación, senón contravindo a normativa vixente en relación coa equivalencia de titulacións”, aseguran os denunciantes, que lembran que, segundo o BOE núm. 45 de 22 de febreiro de 2016, tras a adaptación ao novo Espazo europeo de educación Superior, o Marco español de cualificacións para a educación superior (Meces) eleva a titulación oficial de licenciado e licenciada en Ciencias do Mar a un nivel 3, que equipara a cursar o grao en CC do Mar e un mestrado.

"A valoración que fago como decano é negativa para os egresados porque neste caso prexudica obviamente aos nosos licenciados en CC do Mar, pero hai outras listas que a quen prexudican son aos nosos graduados. Na miña opinión é cando menos sorprendente que á Consellería de Educación, que é quen publica as listas de contratación temporal para impartir materias de Bacharelato e FP, haxa que explicarlle as equivalencias Meces entre títulos pro e post Boloña", explica Miguel Ángel Nombela, que sinala como única razón para que isto ocorra "o descoñecemento de quen confecciona as listaxes dos titulados que poden acceder a estes contratos".

Tanto desde a facultade como desde a asociación considérase incomprensible que a Xunta non acepte nesta lista de contratación ás persoas licenciadas, cando oficialmente acreditan un nivel superior, sinalan os denunciantes, que lembran que ademais esta non é a primeira vez que a Xunta exclúe a persoas con licenciatura nas súas listas de contratación noutras especialidades relacionadas con Ciencias do Mar. "En definitiva o que defendemos, desde a Facultade xunto coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia, é o espazo laboral que poden ocupar os nosos egresados, tanto licenciaos, como graduados e os mestrados en ciencias del mar", reivindica Nombela.

Animan ás persoas afectadas a presentar recurso de reposición 

De “loita continua” cualifica esta situación unha das persoas afectadas, que ten a licenciatura hai anos e que xa foi excluída noutras ocasións doutras listas pola súa titulación. “Procedemos dunha carreira multidisciplinar na que tivemos formación específica da especialidade para a que esta lista de contratación e moitos, coma min, temos a maiores un mestrado. A nosa preparación é moi válida e achegamos experiencia, pero parece que temos que resignarnos a seguir loitando”, explica un dos afectados, que decidiu presentar reclamación ante a Xunta.

Precisamente, desde a Facultade de Ciencias do Mar e da asociación de Oceanógrafos de Galicia animan a todas e todos profesionais afectados a presentar recurso de reposición á exclusión da lista. Ao tratarse dun proceso administrativo, lembran, calquera recurso debe ser interposto pola propia persoa afectada.