DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor será o encargado de nomear un novo decano en funcións

A Facultade de CCSS e da Comunicación pecha o proceso electoral sen candidatos a decano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 22/02/2011

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pechou o prazo de presentación de candidaturas a eleccións de decanato sin que se presentase ningunha candidatura, polo que terá que ser o reitor, Salustiano Mato, quen nomee un decano en funcións ata que se fixen as datas para uns novos comicios.

Na actualidade está ao fronte da facultade, como decano en funcións, o profesor Fortunato Rodríguez, quen decidiu non presentarse aos comicios, que, en principio ían celebrarse o vindeiro 24 de febreiro.

Desde marzo de 2009 non se presentan candidaturas para dirixir o centro. A última correu a cargo do profesor Pedro Pablo Gutiérrez, pero non obtivo os apoios suficientes na Xunta de Facultade. Como consecuencia, dende a Reitoría nomeouse como primeiro decano en funcións a Xulio Pardellas “o docente máis veterano do centro pero tivo problemas de saúde polo que asumín eu o cargo en xaneiro do ano pasado”, aclara Fortunato Rodríguez. En marzo e xullo de 2010 volvéronse convocar eleccións, producíndose en sendas ocasións os mesmos resultados ca na actualidade, é dicir, sen presentación de candidaturas, unha situación que, desde o punto de vista do actual decano, está prexudicando a imaxe externa do centro, se ben fai fincapé en que “na realidade a facultade internamente si funciona, está ben organizada e todo vai sen problemas”.