DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi rediseñada por alumnado do centro

A Facultade de CCSS e da Comunicación transforma a súa web nunha comunidade virtual

Manterase actualizada coa colaboración do profesorado, encargándose cada docente da súa sección

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 07/09/2011

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación atópase de estrea co rediseño da súa páxina web, que ademais dun cambio de imaxe, supón a creación dunha comunidade virtual na que todos os usuarios e usuarias do centro estean en contacto e intercambien información. “Esta nova web non nace soamente coa función de escaparate, queremos que sirva para que os compañeiros saiban o que facemos e que por fin haxa coñecementos, proxectos e valores compartidos por todos e todas”, explicou Daniel Martí, decano da facultade. Froito do traballo de tres anos, a nova web foi deseñada por Josefa Piñeiro e David Cegarra, alumnado do centro.

Como sinalou o decano na presentación oficial da nova web, “unha institución é unha denominación baleira se non hai un conxunto de valores compartidos”, de aí que destacara a necesidade de consolidar unha ferramenta “que cumpra coa obriga de informar á sociedade do noso bo facer e da nosa unidade como facultade, sendo explícitos no noso funcionamento como institución e facendo pública toda a información dispoñible”.

Un dos deseñadores e alumno de 4º de Publicidade e Relacións Públicas, David Cegarra, deixou claro que a nova web “é un proxecto de todos e se manterá viva grazas á colaboración da xente”, polo que as sinerxías “de uns con outros” son fundamentais para o desenvolvemento do proxecto web. A frecuencia de actualización e o nivel de éxito do proxecto vai depender do profesorado e do alumnado, “quen dispoñen de contas de usuario para que cada un se responsabilice de renovar os seus contidos, as horas de titorías, os seus horarios...”, puntualizou Martí. Por outra banda, o decano tamén sinalou a importancia “de ir adaptándose aos novos tempos nos que o dixital vai cada vez substituíndo a outros canais de información”, aforrando en copias e en impresións “pola existencia dun espazo permanente”.

Colaboración en cadea

A evolución da web supón unha colaboración en cadea. A primeira versión data do ano 2003, resultado dun proxecto fin de carreira de Publicidade e Relacións Públicas. Josefa Piñeiro, alumna de 3º ciclo da facultade, desenvolveu toda a arquitectura de contidos, “pasando dunha páxina en HTML estática a un espazo dinámico aberto para o diálogo e que sexa quen de amosar a actividade diaria da institución”. Para iso botaron man do administrador Joomla, unha ferramenta sinxela “que permita a participación de varios usuarios e un seguimento”.

O cambio de imaxe da web foi obra de David Cegarra quen optou por un deseño “estético e á vez sinxelo” creando unha nova estrutura compatible coa versión anterior. “A principal diferenza reside nunha organización que axiliza o acceso á información máis actualizada como horarios, exames, titorías...”. Así a páxina principal conta cun menú superior onde se atopan os accesos de máis interese para o alumnado, e, mentres que a parte central está destinada a destacar os eventos que se sucedan na facultade, a parte inferior divídese en tres bloques, espazos reservados para cada unha das titulacións de grao do centro. Para este deseño empregáronse técnicas de análise entre os usuarios da web para medir as seccións máis vistas e as traxectorias que usaban para chegar ao destino.