DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola asociación SYME e a Vicerreitoría do campus

A Facultade de Ciencias acollerá no mes de maio un ciclo de Seminarios Ambientais

O cambio climático e a contaminación dos montes serán algúns dos temas dos relatorios

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 22/04/2009
Co gallo da celebración do Día Internacional da Terra, a Asociación Medio Ambiental e Universitaria SYME en colaboración coa Vicerreitoría do campus de Ourense presentou da man do seu presidente, José Antonio Pérez e da directora da Área de Coordinación e Estudantes, Susana Reboreda, o ciclo de Seminarios ambientais que se celebrarán ao longo do mes de maio na Facultade de Ciencias.
Pérez sinalou que en lugar de celebrar festas para conmemorar os días relacionados co medio ambiente “preferimos realizar actividades formativas como esta, que sirvan para mellorar as condicións e a sustentabilidade da Terra”.
O obxectivo destes seminarios segundo explicou Reboreda, “é concienciar á sociedade da importancia de coidar do noso medio”. Ademais, “a Universidade de Vigo atópase adherida á Red de Universidades Saludables” e o ciclo de seminarios “contribúe a apoiar esta realidade”. Reboreda non se esqueceu de felicitar á asociación polo seu continuo traballo, xa que realizan “unha tarefa moi significativa”.
A entrada ao ciclo é de carácter libre e tan só se terán que inscribir aquelas persoas que desexen obter un certificado de asistencia. Para os que acudan á maioría das xornadas será expedido, sempre que o soliciten, un diploma por 20 horas puntuable para oposicións de educación e medio ambiente, que tamén será convalidado por un crédito de libre elección para todos os estudantes da Universidade de Vigo.

Dez seminarios para sete días

Dez son os seminarios que se impartirán no salón de actos da Facultade de Ciencias durante o mes de maio. A súa finalidade “tratar diferentes aspectos ambientais necesarios hoxe en día que van axudar a formar aos estudantes en cuestións que a sociedade e as empresas demandan”, explicou Pérez.
As conferencias comezarán o día 4 tratando o tema da auga, “coincidindo coa realización da campaña do Uso Eficiente da Auga que a asociación leva a cabo co Concello de Ourense”. A seguinte sesión será o 6 de maio e terá como eixo a compostaxe e a reciclaxe de residuos en Galicia. O tema dos cultivos enerxéticos centrará o relatorio do día 19. Será o relatorio da tarde do 21 “o máis interesante se cabe”, nel afondarase sobre os novos métodos no control integrado de pragas, “aplicable á agricultura ecolóxica, sobre todo no sector do viño”, esta conferencia será seguida por outra sobre praguicidas e fertilizantes na agricultura. Tamén se falará os días 22 e 26 de paisaxismo, contaminación nos montes e augas continentais e da simulación e transporte de contaminantes no medio mariño referíndose ao caso do Prestige. Para rematar, o cambio climático e a enerxía serán os temas encargados de pechar o ciclo no seminario do 28 de maio.

Hai vida no Barbaña?

Un si ben alto é a resposta a esta cuestión que se demostra a través do vídeo documental que realizou a asociación SYME para reivindicar a protección deste espazo natural. O vídeo, titulado A vida no Barbaña, será colgado na páxina web de SYME e noutras plataformas de Internet e nel pódese comprobar, en tan só cinco minutos, como este río posúe unha rica fauna e flora entre a que ademais se atopan “dúas especies protexidas, o martiño pescador e a garza real”.
Pérez afirma que “aínda que a calidade das augas mellorou nos últimos anos, é preciso traballar máis”. Neste sentido denunciou que precisamente á beira do río celébrase unha feira que deixa tras o seu paso “centos de bolsas plásticas nas súas augas”. O presidente de SYME, rematou a súa intervención, afirmando que “hai vida no Barbaña e temos que coidala”.