DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polos cinco grupos de referencia cos que conta o centro

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais estrea o único mestrado en Economía de carácter investigador

O prazo de matrícula remata o vindeiro día 15

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 09/10/2009

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais estrea este curso o primeiro mestrado de economía de perfil investigador que ofrece a Universidade de Vigo. Estes estudos nacen do esforzo e da aposta dos cinco grupos de investigación de referencia cos que na actualidade conta o centro “conscientes da necesidade e da conveniencia dun programa de posgrao de calidade”, explica o coordinador, Carlos Hervés.
Así, no proxecto están implicados máis de trinta profesores da facultade, “todos eles con polo menos un sexenio de investigación recoñecido”, apunta Hervés, un factor que incide directamente na calidade dun programa formativo único, dun curso de duración e 60 créditos ECTS. Tratándose dun mestrado de perfil investigador, os estudos dan acceso tamén á realización da tese do Programa de Doutoramento en Economía.

O xermolo do mestrado

Na actualidade a Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias conta no seu seo con cinco equipos de investigación co recoñecemento de grupo de referencia pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia no ámbito da economía. Este receñecemento implica un proceso competitivo tras o cal “a nosa facultade acapara máis da metade dos fondos que a Xunta dedica ao fomento dos grupos de investigación de calidade na área económica”, indica Hervés. Contan con esta cualifición o grupo REDE, especializado en economía da enerxía e medio ambiente; ERENEA dedicado á economía dos recursos naturais e ambientais; RGEA, especializado na análise económica; o grupo EA7, dedicado ao estudo da distribución da renda e mercado laboral e o grupo GRiEE, centrado na investigación en economía empírica. Os investigadores que compoñen estes equipos son os promotores deste mestrado, tratando de aproveitar o potencial da facultade e poñéndoo a disposición dos titulados que queiran continuar a súa formación cunha especialización en economía.

Microeconomía, macroeconomía e econometría

O mestrado de Economía conta cunha oferta docente que pretende especializar aos titulados tanto en micro como en macroeconomía e en econometría, de xeito que poidan abordar con rigor, e cos instrumentos máis actuais, problemas do eido da investigación económica. Este mestrado está especialmente dirixido a titulados de Economía, Administración e Dirección de Empresas, Matemáticas, Estatística ou Enxeñaría, para que poidan completar a súa formación e abordar un programa de doutoramento competitivo dotándoos dos instrumentos necesarios para producir resultados publicables e que poidan ser recoñecidos pola comunidade internacional no ámbito económico. “O que buscamos é que coñezan e aprendan a manexar os modelos económicos e as ferramentas econométricas máis actuais”, destaca o coordinador, que explica que os estudantes “completarán a su formación cun programa que lles brinda as ferramentas para traballar tanto en problemas de investigación en economía como na elaboración de proxectos e informes económicos rigorosos”. Esencialmente, os contidos do máster comprende materias de microeconomía, macroeconomía e econometría no primeiro semestre que, no segundo semestre, complementaranse cunha ampla oferta de materias optativas destinadas a orientar e perfilar un traballo de fin de máster.