DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Viviron o nacemento e desenvolvemento do campus de Ourense

A Facultade de Ciencias da Educación agradece os anos de dedicación a sete dos seus docentes

Nun xantar no que a comunidade universitaria os despediu no ano da súa xubilación

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 10/12/2010
Tras varias décadas de dedicación ao oficio de formar novos profesores, a Facultade de Ciencias da Educación do campus despediu este venres a sete docentes que se xubilan este ano. Cun xantar no que participaron arredor de 40 membros da comunidade universitaria, os seus compañeiros nestes moito anos renderon unha calorosa homenaxe a Carmen Benso, Atilano Casal, Bernardo Fernández, José Antonio Fidalgo, Manuel González, José Paz e José Antonio Tarrío. Todos eles viviron en primeira persoa o nacemento e desenvolvemento do campus de Ourense e retíranse co recoñecemento dos seus compañeiros e a satisfacción polo traballo feito.

A decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mercedes Suárez, quixo destacar no acto que estes profesores e profesoras “levan detrás de si moita historia educativa, desde os antigos colexios universitarios ata a actualidade” e agradeceu o seu traballo e dedicación. Dos sete homenaxeados, catro puideron estar presentes no acto e todos eles amosaron a súa satisfacción coa traxectoria persoal e profesional desenvolvida no ámbito universitario. “En contra dos que sempre me alarmaron sobre o mala que é a xuventude, teño que dicir que foi doado e moi satisfactorio traballar con universitarios, que son máis receptivos que ninguén ao coñecemento e aos valores verdadeiros”, comenta Atilano Casal.

Orgullo polo traballo feito no campus

Pola súa banda, Manuel González destaca, entre os seus 35 anos dedicados á docencia, o esforzo e dedicación empregados para reivindicar para Ourense unha oferta educativa axeitada e lembra con especial emoción neste proceso reivindicativo os esforzos feitos 1995, “cando a cidade de Ourense saíu á rúa apoiándonos nunha manifestación de preto de 25.000 persoas”.

O mesmo orgullo de ter estado nos inicios e no desenvolvemento do campus de Ourense comparte José Antonio Fidalgo, para quen “o esforzo feito valeu a pena ao ver que deixamos o campus de Ourense ao mesmo nivel que calquera outra universidade”. Ademais da satisfacción de traballar co alumnado, Fidalgo tamén destaca o enriquecedor que foi intelectualmente o desenvolvemento da súa profesión e a liberdade para traballar no seu campo.

Os arredor de 40 compañeiros que se reuniron para homenaxear a estes profesores transmitíronlle a súa gratitude polo traballo feito e desexáronlles que a nova etapa que inician agora continúe a ser tan frutífera como a que pechan con este xantar.