DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias da Educación celebra este sábado unha multitudinaria graduación

O acto celebrarase no Auditorio Municipal e dividirase en dúas quendas, ás 18 e 20 horas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 05/06/2009

A Facultade de Ciencias da Educación estase a preparar para a festa de despedida que vivirá esta fin de semana, xa que cinco das sete titulacións que ten o centro celebrarán o sábado o seu acto de graduación. 226 estudantes, dos cales só 36 son homes, pertencentes a Educación Social, Linguas Estranxeiras, Educación Infantil e Primaria e Educación Especial, recibirán no Auditorio Municipal de Ourense as bandas e diplomas que os acreditarán como graduados. O multitudinario do acto impide que este se poida realizar en conxunto, polo que se dividirá en dúas sesións, ás 18 e 20 horas.
Nos días coma este “a ledicia mestúrase coa tristeza”, comenta Xosé Manuel Cid, vicedecano da facultade, xa que por unha banda “alégrome polos éxitos acadados, pero se pensas en que levamos tres anos xuntos e en setembro só uns poucos van seguir en Psicopedagoxía, doutoramento ou mestrados, sentes tristura dos que se van”.
A promoción de egresados 2006-2009 estará acompañada durante o evento polos seus familiares, amigos, profesores do centro e polos padriños e madriñas elixidos por cada titulación. Presidindo o acto estarán Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa; Mercedes Suárez, decana da facultade; Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus e o padriño da promoción Xosé Lois González "o Carrabouxo".
Ademais deste acto de graduación, “á facultade aínda lle quedan dúas celebracións máis por realizar”. O venres 19 ás 20 horas será o momento de felicitar aos egresados da titulación de Psicopedagoxía, mentres que o 20 serán os estudantes de Traballo Social os que reciban os seus diplomas.

Educación Infantil e Primaria

As primeiras promocións que recibirán as bandas e diplomas serán os Mestres en Educación Infantil e Primaria, 55 estudantes no caso da primeira titulación e 56 no da segunda. A apertura do acto chegará da man do vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, que será o encargado de dar paso á actuación musical do Grupo Infantil da Escola Número 5 de Chaves. A continuación, a decana da facultade, Mercedes Suárez, dará a benvida a estudantes e convidados e cederá a palabra ao padriño da promoción, Xosé Lois González, humorista e debuxante ourensán, creador do personaxe de ficción Carrabouxo que sae diariamente no xornal La Región. A continuación realizarase a entrega de bandas e diplomas na que participarán tamén os padriños da promoción: Manuel Vida, de Infantil, e Ramón Ángel Fernández, de Primaria. Unha vez egresados, dous alumnos de cada titulación ofrecerán un breve discurso en representación de todos os seus compañeiros. O acto rematará coa intervención do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, tras a cal volverán a actuar os rapaces de Chaves.

Linguas Estranxeiras, Educación Especial e Educación Social

Ás 20 horas será a quenda dos 21 estudantes de Linguas Estranxeiras, 36 de Educación Especial e 58 de Educación Social. O acto comezará de novo coa actuación do Grupo Infantil da Escola Número 5 de Chaves, aínda que nesta ocasión será Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, o encargado da apertura do evento. Tras el, intervirán novamente Mercedes Suárez, a decana e Xosé Lois González, “o Carrabouxo”. A continuación chegará o esperado momento da entrega de bandas. Xunto aos estudantes estarán tamén os seus padriños Manuel Piñeiro e Marise Vigoroux de Linguas Estranxeiras, Elías Domínguez de Educación Especial e Xosé Manuel Cid de Educación Social. Para rematar intervirán os representantes de alumnos e o vicerreitor, que pechará o acto dando paso á última actuación musical da tarde que será ofrecida, nesta ocasión, polo Coro da ONCE de Vigo.

Consellos para unha nova etapa

Nun tempo no que todo o mundo se queixa do descenso do alumnado, a Facultade de Ciencias da Educación ten promocións coas aulas cheas, “apenas hai abandonos e case todos obteñen o éxito na finalización dos estudos”, indica Cid. A partir do momento da graduación comeza unha nova etapa para os estudantes, “acaba a vida universitaria e deben enfrontarse aos novos retos que se lles presentan”. Cada titulación ten o seu propio oco no mercado laboral, algunhas destas opcións mesturaranse entre o campo da docencia e os ámbitos da educación fóra da escola, “tempo libre, animación, ONGs, terceira idade, inmigración grupos de conflito...” No caso dos estudantes de Traballo Social teñen unha saída máis específica “nos servizos sociais, tanto básicos como especializados, e tamén en novos campos que emerxen, como a cooperación ao desenvolvemento, os centros comunitarios ou a atención á dependencia”, explica Cid.
Sen embargo, vaian cara onde vaian, os consellos son para todos iguais: “que se fagan visibles na sociedade, que demostren o importante da profesión para a que se formaron, que poden ser contratados en labores nos que nunca pensaron moitas institucións e empresarios, pero que a sociedade pode estar demandando iso que eles saben facer”. Sen embargo, tanto se atopan traballo logo como se tardan algún tempo, Cid tamén os insta a “que sigan formándose en contacto con outros mozos que teñan inquedanzas semellantes”.
Por último, o máis importante de todo, segundo Cid, non son os coñecementos, senón “que sexan persoas, independentemente do lugar onde traballen ou vivan, a formación universitaria debe servir para que sexan exemplo de dinamismo, de participación, que teñan redes sociais e que loiten por unha sociedade mellor".