DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Academia Olímpica Española celebra no campus o seu 40 aniversario

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte afiánzase como referencia nacional no ámbito da formación deportiva

Fernández Lores, Rafael Louzán e Alberto Gago acudiron á inauguración

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/02/2008
Institucións académicas, deportivas e políticas uníronse este luns na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para apoiar a celebración do 40º aniversario da Academia Olímpica Española. O acto puxo de manifesto non só a forte aposta da Universidade de Vigo polo deporte, senón tamén o feito de que a facultade pontevedresa se está a converter nun referente a nivel nacional no ámbito da formación deportiva.
Alberto Gago, reitor da Universidade; Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, e Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español, foron algunhas das autoridades que quixeron apoiar coa súa presenza este vento.
O reitor,Alberto Gago aproveitou a ocasión para lembrar que a combinación que aparece no propio nome da facultade, deporte e educación, forma parte das misións básicas de calquera universidade. "Nós dámoslle moitísima importancia, non só porque é a nosa obriga, senón porque temos o total convencemento de que a fórmula para conseguir o obxectivo prioritario de formación integral é esta, acudir a unha boa combinación de deporte e educación”. Así mesmo lembrou a visita, hai apenas uns días, da comisión de avaliación e asesoramento do Consello Superior de Deportes con motivo da candidatura de Vigo para ser sede da Universiada 2013. “É un acontecemento importantísimo con 10.000 participantes, unha olimpíada a nivel universitario”.

Unha cidade comprometida co olimpismo

Na súa intervención, o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, destacou o forte compromiso da facultade pontevedresa co olimpismo, algo que resaltou como fundamental, “pois desde aquí trasmítese aos nosos mozos os valores que ten o deporte e vós sodes os encargados de preparalos para a competición, non só a deportiva, senón a da vida”. Ademais, deixou a porta aberta para a celebración de próximos aniversarios na facultade “estou seguro de que haberá o 41, 42 e 43 e aquí viremos moitas veces. Se somos capaces entre os que nos dedicamos ao deporte de pensar que a través del podemos construír un mundo mellor, estou convencido de que así será”.
Nun acto no que todo foron loubanzas para a facultade pontevedresa, Rafael Louzán, definiu o centro como “o templo do deporte futuro”. Así mesmo, o presidente da deputación sinalou a creación de instalacións deportivas como un dos principias retos do organismo que dirixe. “A día de hoxe somos xa unha referencia na práctica deportiva, algo para o que é básico contar coas infraestruturas necesarias, podemos dar un exemplo, 52 campos de herba sintética de última xeración distribuídos por toda a provincia”, destacou.
Neste mesmo aspecto, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tamén fixo fincapé na gran dimensión olímpica da cidade, “non só por acoller esta importante facultade, unha das máis activas do campus, senón tamén por ter o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, a escola de Fisioterapia, ou instalacións de referencia como a piscina olímpica de Pontemuíños ou o Centro Deportivo de Piragüismo e outros deportes de Pontillón do Castro, ademais dun entorno natural moi apto para o desenvolvemento da cultura deportiva”.

Himno olímpico a ritmo de gaita

Tras a inaguración das xornadas tivo lugar no exterior da facultade a izada da bandeira olímpica coa interpretación do himno por parte do grupo “Os alegres” de Pontevedra. “É a primeira vez que se interpreta o himno olímpico a son de gaitas”, destacaba José Mª Cancela, decano da facultade.
A encargada de izar a bandeira foi a profesora, Mª José Martinez Patiño, coorganizadora do evento e deportista olímpica durante anos “para min izar a bandeira supuxo o mesmo sentimento de ledicia que se sinte cando estás nuns xogos olímpicos. Agora na facultade tamén hai unha gota desa chama que prende a todos os países que é a familia olímpica”, destacou.

Tres estudantes en Olimpia

Segundo anunciou, Conrado Durantez, presidente da Academia Olímpica Española, tres estudantes da facultade pontevedresa acudirán a Olimpia grazas a tres bolsas que se van conceder pola Academia. Asistirán a seguinte reunión de novos participantes da Academia, que reúne cada ano na cidade grega e durante dúas semanas arredor de 200 participantes de todo o mundo.
As actividades para celebrar este aniversario continúan durante toda a semana. Pódese descargar o programa na web:
http://webs.uvigo.es/feduc/index.php?id=41,432,0,0,1,0