DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte comeza o ano chea de actividades

Con conferencias, seminarios e outras iniciativas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 11/01/2008

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte recibe o novo ano chea de actividades académicas que amosan o interese por parte do centro de dar unha formación complementaria aos seus alumnos. Un exemplo é a conferencia que se impartiu este venres titulada Pautas de intervención para unhas costas sas, onde os estudantes puideron escoitar da man da licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Olga González Alonso, as pautas de traballo para mellorar a saúde a través da corrección postural das costas.
Por outra banda, os días 12, 18 e 19 de xaneiro celebrarase o seminario Wáter-polo e Natación Sincronizada, que organiza a Federación Galega de Natación (Fegan) para apoiar a estas dúas modalidades deportivas. O curso, que contará cunha parte teórica e unha parte práctica, celebrarase na aula 6 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, mentres que as competicións terán lugar na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Este sábado  trataranse temas relacionados co wáter-polo, como a análise da técnica, o adestramento de base ou a formación dun equipo campión olímpico. O próximo día 19 de xaneiro terá lugar a parte de natación sincronizada, afondando nas coreografías, a música, os adestramentos, e os recursos metodolóxicos para a ensinanza desta modalidade. O 18 deste mes queda reservado para realizar as prácticas na piscina, onde se farán competicións e partidos.

Máis actividades

Ademais dos cursos e seminarios aos que xa están acostumados os estudantes da facultade, o próximo mes de febreiro terá lugar unha viaxe didáctica de montaña e deportes de inverno dirixido a todos os alumnos do centro. Do 7 ao 22 dese mes todos aqueles que participen nesta actividade disfrutarán de dúas semanas brancas para aproveitar a neve e practicar os deportes relacionados con ela.