DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha asemblea informativa e un paro na xornada laboral

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte únese ás protestas contra a redución de horas de ximnasia no bacharelato

O novo regulamento reduce a docencia de dúas a unha hora semanal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 28/04/2008

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte uniuse este luns ás diferentes entidades, institucións e asociacións relacionadas co eido deportivo que estes días están manifestando o seu desacordo coa redución do número de horas da materia de Educación Física que se establece no borrador do novo decreto que regula as materias que se cursarán o vindeiro ano no bacharelato e as súas correspondentes cargas horarias.
Baixo o título Defensa da Educación Física e do Deporte Escolar de Galicia, a facultade pontevedresa acolleu unha asemblea informativa e un paro na xornada laboral, co único obxectivo de “modificar os ensinos mínimos ata fixar dúas horas por semana nas etapas de primaria, secundaria e bacharelato, ademais de potenciar as actividades físico - deportivas complementarias e extraescolares”, segundo explicou o decano, José María Cancela Carral, ao fronte da protesta.
Varios membros da comunidade universitaria amosaron o seu apoio ademais de contar coa participación de ex alumnos que actualmente son recoñecidos polo seu labor profesional, como o deportista Raúl Jiménez ou os futbolistas David López e Xavi Moré. Todos eles formaron parte activa na sesión informativa , onde se subliñaron os grandes argumentos polos que é importante esta materia no ensino e polos que debería ampliarse en lugar de diminuírse, como se está a facer actualmente.

A importancia da Educación Física no ensino medio

Un dos motivos principais da asemblea organizada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte foi o de dar a coñecer a importancia que ten a ximnasia no bacharelato, os beneficios que aporta aos alumnos e “desmentir a idea errónea de que é unha materia de recheo”, comentou o decano do centro, José María Cancela Carral. Ao longo das diferentes exposicións que deron contido á reunión, amosáronse os obxectivos que se establecen para a Educación Física e que “van moito máis lonxe de facer un pouco de exercicio, como inicialmente se pode pensar”, subliñou Cancela Carral. Por un lado, a consolidación da autonomía do alumnado que servirá para satisfacer as súas necesidades motrices, para incrementar as súas capacidades físicas e para empregar dun xeito creativo e enriquecedor o seu tempo libre, é algo fundamental no desenvolvemento dos rapaces, ademais de axudar a paliar a problemática existente hoxe en día do exceso de peso debido aos malos hábitos de consumo. Por outro lado, o ensino da Educación Física colabora na adopción de unhas aptitudes críticas sobre as prácticas que teñen efectos nocivos para a saúde individual e colectiva e, por suposto, axuda a crear unha actitude fronte a todos os aspectos relacionados co fenómeno deportivo actual e as súas implicacións na sociedade.

De dúas horas semanais a unha

Co novo planeamento da Consellería de Educación, o panorama de ensino actual mudará no que se refire ás materias de Educación Física, Filosofía e Relixión. Se ata agora os estudantes tiñan dúas horas semanais dedicadas ao eido deportivo, co novo borrador pasarán á metade, soamente unha hora á semana. Esta redución levantou as críticas de infinidade de organismos relacionados co sector, entre os que destacan as accións de protesta do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (LCAFD), para reclamar a reconsideración da carga horaria desta materia. Este colectivo tamén lembra que o Parlamento Europeo aprobou o pasado mes de novembro un informe no que se pide aos estados membros que se imparta polo menos tres veces á semana ou, incluso, que se supere ese mínimo.
Pola súa banda, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ten previsto continuar apoiando estas protestas uníndose á manifestación que terá lugar mañá, 29 de abril, en Santiago de Compostela e á que acudirán varios autobuses desde o centro do campus pontevedrés. Ademais, aproveitarase a folga xeral de estudantes que está convocada para o mesmo día para expor carteis e pancartas co lema da iniciativa 1+1= 3 horas?.