DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto terá lugar este sábado pola tarde no Auditorio Municipal da cidade

A Facultade de Ciencias da Educación gradúa a 271 futuros mestres

A actriz Lucía Regueiro animaraos a utilizar o teatro como ferramenta educativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 14/05/2010

A Facultade de Ciencias da Educación celebra este sábado no Auditorio Municipal o acto de graduación de cinco das súas titulacións coa participación dun total de 271 futuros mestres. Son as pertencentes a Educación Infantil, con 106 novos titulados; Linguas Estranxeiras, con 25; Educación Social, con 70; Educación Primaria, con 50 e Psicopedagoxía con 20. O programa de actos divídese en dous apartados; o primeiro comezará ás 18.00 horas coa graduación das titulacións de Educación Infantil e Linguas Estranxeiras e o segundo está previsto para as 20.00 horas coas tres titulacións restantes: Educación Social, Educación Primaria e Psicopedagoxía.
O primeiro dos actos comezará, xa que logo, ás 18.00 horas coas intervencións do vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela e da decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mercedes Suárez. A madriña desta promoción 2007-2010 é a actriz Lucía Regueiro, que interpreta o papel da mestra María Cabanas na serie Libro de Familia, da Televisión de Galicia.

O papel do mestre na sociedade

Lucía Regueiro di sentirse “contenta e moi ilusionada” con esta nova responsabilidade “xa que son unha mestra pero de mentira”, sinala. A actriz felicitará aos novos titulados pola súa graduación e polo posto que van desempeñar na sociedade. Segundo explica, “todos nós temos na mente a algún mestre inesquecible que marcou a nosa formación, de aí a miña admiración polo papel que estes mozos e mozas van ter”. Lucía Regueiro leva máis de cinco anos interpretando o papel de mestra nunha serie de ficción “polo que pasei por todo o proceso polo que van ter que pasar eles, dende estudar a carreira ata preparar unha oposición, facer as prácticas e ser mestra”, un percorrido do que lles falará na súa intervención. Así mesmo a actriz aproveitará o acto de graduación para pedirlles aos novos titulados “que intenten familiarizarse co teatro porque constitúe non só un lugar de encontro para o ocio senón tamén unha ferramenta educativa importante” e para amosarlles a importancia que xoga a escola na creación de novos públicos para o mundo da escena.
A entrega das bandas corresponderalle aos distintos padriños de cada titulación: Francisco Insua e José Luis Fernández por Educación Infantil e Cristina Larkin por Linguas Estranxeiras. O acto rematará cunha proxección audiovisual e coa intervención dos representantes dos estudantes.

Contacontos con Celso Fernández Sanmartín

O segundo dos actos de graduación comezará ás 20.00 horas e terá como padriño a Celso Fernández Sanmartín, animador durante anos dunha residencia de maiores en Lalín e propietario na actualidade dunha empresa de contacontos e animación sociocultural. Neste caso os padriños de cada titulación son José María Faílde (Psicopedagoxía), Javier Blanco Sierra (Educación Primaria) e Xosé Manuel Cid (Educación Social) que se encargarán de entregarlle as bandas aos titulados. Unha proxección audiovisual elaborada polo alumnado, a intervención dos seus representantes e a actuación da coral viguesa da ONCE porán fin ao programa de actos.

Establecer vínculos coa sociedade

O vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, Xosé Manuel Cid, subliñou a importancia que teñen este tipo de actos pola súa repercusión na cidadanía. Segundo as súas palabras, “as graduacións permítennos establecer unha fonda conexión coa sociedade xa que a elas asisten non só as familias dos graduados senón tamén políticos e xentes do mundo da cultura e da empresa. Ademais este tipo de celebracións amosan tamén todo o traballo desenvolvido polos estudantes en tres anos intensos de estudo”, declara. O profesor Cid explica tamén que este tipo de iniciativas son fundamentais “para dar a coñecer á sociedade as titulacións que temos” e subliña o traballo desenvolvido nas mesmas polo alumnado “que cada vez se implica máis na súa organización e desenvolvemento”, sinala.