DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto central será o 8 de abril e están convidados a asistir os seus máis de 3500 egresados

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebra os 25 anos do centro cun 2011 cheo de actividades

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 11/01/2011
2011 será un ano moi especial para a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Cúmprense 25 anos do seu nacemento, as súas vodas de prata. Desde que comezou a súa andaina en 1986 como Escola de Estudos Empresariais, son máis de 3500 os estudantes que se formaron neste centro e moitos os profesores, directivos e persoal que traballaron nel. Todos eles están convidados a asistir o día 8 de abril ao acto de celebración principal dos 25 anos destes estudos, que terá lugar no Edificio Politécnico, ás 19.00 horas. Será o momento máis emotivo e máis multitudinario de toda unha serie de actividades de conmemoración.

A decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Elisa Alén, explica que “coincidindo coa celebración esa semana do noso patrón, o 8 de abril será o día central das conmemoración, aínda que todas as actividades que organicemos ao longo de 2011 estarán baixo o paraugas desta conmemoración tan especial”. Ese día están convidados a asistir os máis de 3500 egresados do centro nestes 25 anos, que se sentarán por promocións; as antigas equipas directivas, ás que se lle fará unha homenaxe tendo especialmente en conta aos que xa non están; e autoridades académicas e ourensás e o acto rematará cunha conferencia.

O campus de Ourense e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo lembrarán os inicios deste centro no curso académico 1986-87 como Escola de Estudos Empresariais, no Edificio do Antigo Hospital. Foi en 2000-2001 cando se creou a Facultade de Ciencias Empresariais no Edificio Xuridico-Empresarial e no curso 2003-2004 cando se empezou a impartir a Diplomatura de Turismo e se cambiou o nome do centro a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Un longo percorrido de 25 anos que culminará en 2011 con estas celebracións.

Semana Internacional e Cultural

Ademais do acto do día 8, será unha semana chea de actividades no Edificio Xuridico-Empresarial, que celebrará eses días a Semana Internacional e a Semana Cultural. A Semana Internacional 2011 traerá a profesores de universidades doutros países a impartir clases na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo durante unha semana, para o intercambio de coñecemento e experiencias entre o alumnado e profesorado. “Esta iniciativa dá continuidade á Semana Europea que organizamos en 2010 e amplía o seu carácter internacional alén das fronteiras da UE debido ao interese amosado por profesores doutras zonas en participar, especialmente de Latinoamérica” explica a decana de Empresariais e Turismo. Pola súa banda, a Semana Cultural, organizada pola Delegación de Alumnos do centro, aportará unha vertente distendida e intercultural ás conmemoracións, con actividades de ocio relacionadas coa música, a cociña e outras expresións culturais.

Empresariais e Turismo súmase deste xeito a outros estudos da Universidade de Vigo que durante 2010 celebraron as súas vodas de prata, como a Escola de Enxeñaría Industrial e a especialidade de Enxeñaría de Organización Industrial da Escola de Enxeñería Industrial, aniversarios que dan conta da madurez que van adquirindo paulatinamente os diferentes centros desta institución.