DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En España tan só a Universidade Autónoma de Barcelona posúe un título semellante

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo lanza un grao pioneiro no campo das TICs

Comezará a impartirse no próximo curso cunha oferta inicial de 40 prazas

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 15/06/2010

Case o 6% dos postos de traballo que se crean en España son para consultores. Así o reflexa o último balance laboral de Infoempleo que sitúa o sector da consultoría como o campión á hora de ofrecer postos de traballo. Na mesma liña apunta o xornal El País que asegura que en dez anos a metade dos traballos europeos estarán relacionados coas novas tecnoloxías da información. O Financial Times, pola súa banda, camiña na mesma dirección ao afirmar que un de cada seis traballos do sector da información non atopa quen os ocupe.
Todos estes datos foron manexados e tidos en conta polo equipo decanal da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo á hora de decidir implantar no centro un novo grao en Consultoría e Xestión da Información. Unha iniciativa para cuxo deseño e proposta traballaron “cóbado con cóbado cos axentes empresariais da provincia para ser quen de dar resposta ás súas necesidades organizativas máis inmediatas”, segundo sinalou a decana do centro, María Elisa Alén, no acto de presentación dos estudos e ao que asistiron tamén os vicedecanos do centro Elena Gallego, Ana Gueimonde e Patricio Sánchez. A titulación vén de ser verificada pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) e supón, segundo o equipo decanal da facultade, “unha aposta por unha formación de vangarda adaptada ás necesidades da nosa contorna empresarial e económica”. En España tan só a Universidade Autónoma de Barcelona posúe un título semellante cun grao en Empresa e Sistemas de Información, polo que os referentes deste grao hai que buscalos nas universidades anglosaxonas.

As novas tecnoloxías na xestión empresarial

Este novo grao comezará a impartirse no vindeiro curso académico con 40 prazas dispoñibles. Consta de 4 cursos que engloban un total de 240 créditos ECTS e que inclúen un programa de contidos que vai dende a xestión empresarial e os sistemas de información e as novas tecnoloxías ata a contorna empresarial, as técnicas cuantitativas e as habilidades sociais e relacionais, todo isto sen esquecer o proxecto de fin de grao que deberán elaborar os alumnos e alumnas para obter o título.
Elisa Alén explicou que estes estudos están especialmente dirixidos para todas aquelas persoas que estean interesadas no mundo da empresa e as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións –TICs- que adquirirán uns coñecementos cos que serán capaces de optimizar os procesos empresariais a través das novas tecnoloxías. Segundo as súas palabras, “procuraranse persoas cunha sólida formación empresarial e cos coñecementos necesarios para aplicar as teorías da información e a comunicación dunha maneira axeitada na xestión das organizacións”, declara.

Cargos directivos e de responsabilidade empresarial

Os alumnos e alumnas que opten por estes estudos para completar a súa formación converteranse en profesionais capaces de combinar a especialización nas TICs cun amplo coñecemento sobre a empresa e as súas diferentes áreas. Un perfil que os vai capacitar para traballar en diferentes postos como os de responsabilidade empresarial, “para aplicar todo o potencial das novas tecnoloxías para dar solucións aos problemas de xestión nas organizacións”, segundo a decana María Elisa Alén. Os titulados neste novo grao poderán desempeñar tamén cargos directivos e de administración en empresas, deseñar e xestionar sistemas de información de organizacións, crear e xestionar empresas de base tecnolóxica ou exercer a consultoría multidisciplinar.