DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foron realizados por Andrea Luaces, Duarte Augusto Dias e Miguel Parada

A Facultade de Ciencias premia os mellores traballos fin de grao do seu alumnado

Os galardóns serán entregados este venres no acto de graduación do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 22/06/2023

Cada curso académico, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense premia os mellores trabalos fin de grao (TFG) do seu alumnado, un por cada titulación de grao que imparte. Nesta edición, foron galardoados e galardoada Andrea Luaces, Duarte Augusto Dias e Miguel Parada. Os galardóns serán entregados no acto de graduación do centro que terá lugar este venres, ás 17.30 horas no edificio Politécnico.

Premio Sonia García Falcón

O Premio Sonia García Falcón ao mellor TFG no Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos é para Andrea Luaces Pérez, polo traballo Caracterización bioquímica da alga Chondrus crispus procedente da contorna natural e de cultivo en tanque baixo condicións controladas, dirixido por María Luisa Rúa e Andrea Rodríguez, do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da UVigo. A galardoada recibe este galardón dando as grazas pola súa concesión, xa que, sinala, “recoñece o meu esforzo e dedicación durante a realización do meu TFG e potencia aínda máis a miña ilusión pola investigación”.

Sobre o seu TFG, a investigadora explica que a “Chondrus crispus é unha das algas con maior volume de procesado industrial para a produción de carraxenatos, o que xera un residuo susceptible de aproveitamento mediante estratexias de biorrefinería para a obtención de novos produtos”. No seu traballo Andrea Luaces elaborou un procedemento para a recuperación de ficobiliproteína (con aplicacións como pigmentos fluorescentes) de Chondrus crispus e caracterizou a microbiota desta alga como fonte potencial de enzimas de interese para a industria biotecnolóxica. En colaboración con Anfaco-Cecopesca, o traballo permitiu ademais realizar unha primeira aproximación ao estudo do efecto do cultivo en réxime de acuicultura sobre a composición da alga, con vistas a unha produción sostible deste recurso.

Premio Julia Franco

O Premio Julia Franco ao mellor TFG no Grao de Ciencias Ambientais foi para Duarte Augusto Dias Lorenzo polo seu traballo Estudo de pole e alérxenos de Platanus hispanica na atmosfera da cidade de Ourense en 2021, dirixido por Francisco Javier Rodríguez Rajo e María Fernández, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo. Sobre este recoñecemento, o galardoado sinala que está “enormemente agradecido xa que recoñece o tan grande esforzo que puxen no traballo”, recalcando de xeito especial “a grande axuda e dedicación de ambos titores, que desde entón me guían polo mundo da investigación. “Para min a ciencia e a investigación crean progreso e moven o mundo e que se recoñeza, aínda que sexa cun premio dun traballo de universidade, é moi importante”, apunta Duarte Augusto Dias.

No seu TFG analizou a concentración de pole e os alérxenos do coñecido comunmente como plátano de sombra ou plátano híbrido e avaliou a posible utilización das variables meteorolóxicas para elaborar un modelo que logre predicir a variación da cantidade de pole e alérxeno na atmosfera de estudo. Os poles, lembra o investigador, son considerados como a segunda causa de alerxias do aparello respiratorio, estimándose que o 10% da poboación sufre algún tipo de rinite asociada a el.

Tanto Andrea Luaces como Duarte Augusto Dias Lorenzo foron Premio de Excelencia Académica do SUG, outorgado pola Xunta de Galicia, e Premio Extraordinario de Fin de Grao na UVigo e están cursando actualmente o Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental no campus de Ourense. Cada un continúa no departamento onde realizou o seu TFG o seu traballo investigador coa idea de realizar a tese de doutoramento.

Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas

Por último, o Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao mellor TFG do Grao de Enxeñaría Agraria foi para Miguel Parada, polo traballo Aerobioloxía e fenoloxía da variedade Loureira na DO Ribeiro durante a campaña 2021, tamén titorizado no Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo por Francisco Javier Rodríguez Rajo e María Fernández. Subliñando como “sempre é un orgullo ter un recoñecemento do traballo e esforzo que levas a cabo”, o galardoado fai fincapé no seu agradecemento aos membros do laboratorio, polo seu apoio durante a elaboración do estudo, e a familiares, amigos e profesorado polo seu apoio durante o grao.

Os obxectivos do seu TFG foron coñecer a fenoloxía da variedade Loureira na DO Ribeiro na campaña de 2021, determinar a produción polínica e as súas oscilacións na citada variedade, estudar o contido de pole de Vitis vinifera na atmosfera da área de estudo durante o estadio de floración e combinar os datos aerobiolóxicos, fenolóxicos e as variables de produción polínica utilizándoos como posibles indicadores para chegar a estimar a produción final de uva. Segundo explica o egresado, a aplicación de forma combinada dos estudos fenolóxicos e aerobiolóxicos representan unha ferramenta óptima para a predición das colleitas con meses de antelación e a identificación e rexistro das fases fenolóxicas da vide “permite unha maior eficacia na aplicación dos tratamentos de protección do cultivo, evitando desta maneira o uso indiscriminado de funxicidas”.