DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de graduación de máis de 80 alumnos das tres titulacións que se imparten no centro

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación homenaxea ao seu primeiro decano, o catedrático emérito Manuel Fernández Areal

José Luís Méndez Romeu, Uxío Fernández e Pepe Domingo Castaño foron distinguidos como bolseiros de h

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 28/04/2008

Un par de días despois de que os alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebraran por todo o alto a festa conmemorativa da súa patroa, Santa Catarina de Siena, tocoulle a quenda ao festexo oficial da institución no que, o catedrático emérito Manuel Fernández Areal, foi homenaxeado coa insignia de ouro do centro. Arroupado por familiares, amigos e compañeiros, o que fora primeiro decano da facultade amosou o seu agradecemento e comentou que “o mellor desta entidade son os nosos alumnos, eles son a nosa tarxeta de presentación”, explicou Fernández Areal no acto de graduación da X promoción de licenciados en Publicidade e Relacións Públicas, da VI promoción de diplomados en Administración e Xestión Pública e da III promoción de licenciados en Comunicación Audiovisual.
Pola súa banda, o decano da facultade, Alberto Pena, subliñou de Fernández Areal, primeiro catedrático galego en Ciencias da Información, que “esta merecida condecoración é o resultado de moitos anos de traballo dedicado ao centro e outórgaselle a unha personalidade tan singular como extraordinaria e que converteu a esta facultade nun dos referentes no eido da comunicación da nosa comunidade”, resaltou Pena no seu discurso ante os novos graduados.
Ademais, esta pequena homenaxe tamén se fixo extensiva a outras tres personalidades que, polo seu desempeño profesional, resultaron relevantes para cada unha das titulacións que se imparten no centro, polo que se lles outorgou a distinción de bolseiros de honra. Foron o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, coma bolseiro de honra da VI promoción de diplomados en Administración e Xestión Pública; o director da revista Imagen y Comunicación, Uxío Fernández Fernández, como padriño da X promoción de licenciados en Publicidade e Relacións Públicas e o xornalista da Cadena Ser, Pepe Domingo Castaño que, como representante da III promoción de licenciados en Comunicación Audiovisual, deu o discurso por videoconferencia xa que non puido asistir ao evento.

80 novos alumnos graduados

Na graduación recibiron o seu diploma un total de 80 alumnos, na súa maioría licenciados en Publicidade e Relacións Públicas, pero tamén das outras dúas titulacións que se imparten na facultade, Comunicación Audiovisual e Xestión e Administración Pública, nun acto presidido polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández e no que os estudantes escoitaron os consellos dos seus padriños e no que non faltaron as verbas de ánimo e de satisfacción polo traballo realizado.
Pola súa banda, algúns dos graduados xa están incorporados ao mercado laboral mentres que outros seguen complementando os seus estudos, pero todos están de acordo en que “é un orgullo poder recibir o noso diploma logo de tanto esforzo e tempo na facultade”, tal e como asegurou unha das ex alumnas do centro e agora redactora do DUVI en Ourense, Marta Casanova. Felicidades Marta!