DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras facer a súa presentación oficial no auditorio de Redondela

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vístese de estrea coa proxección da curtametraxe “Finisterre”

Elaborada e rodada por alumnos de Publicidade e Relacións Públicas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 10/04/2008

Apenas unha semana despois do seu estreo oficial no auditorio de Redondela, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vestiuse de estrea para recibir a proxección da curtametraxe Finisterre, unha obra ideada e elaborada na súa maior parte por estudantes de Publicidade e Relacións Públicas do centro. Segundo comentou o seu director, Iago Fernández, “é un orgullo traer a nosa facultade o filme xa que aquí é onde nos formamos e de onde saíron todas as ideas”, explicou momentos antes de ver a película no salón de actos.
Finisterre tenta transmitir a especial idiosincrasia dun tipo de galego arraigado a súa terra e as súas costumes a través de tres personaxes: un cura, un enterrador e un monaguillo octoxenario que deciden enterrarse nunha pequena praia galega cando se atopan co problema de que o último non ten quen o soterre. A través de esta pequena historia, o director pretende “invitar ao espectador a reflexionar sobre o peso que ten o momento da morte na vida das persoas, xa sexa polo temor ou pola irracional necesidade de celebración da mesma”, explicou Iago Fernández, ao que engadiu que “o argumento está baseado na corrente existencialista que desemboca no absurdo, en que todos os pensamentos filosóficos ao final non serven para nada”, comentou o estudante de Publicidade e Relación Públicas.
Aínda que nesta ocasión non se contou coa presenza dos actores que lle deron vida aos personaxes, Eduardo Alberto Rodríguez Cunha Tatán, José Luís López Sacha e Miro Magariños, o director agradeceu o seu constante apoio e subliñou que “a experiencia foi moi boa, cun equipo estupendo que en ningún momento deu problemas”.

Banda sonora orixinal

Outro dos atractivos da curta que se destacou no acto é a banda sonora orixinal, “algo que non é moi común en traballos cun orzamento como o noso”, dixo Iago Fernández, tras eloxiar o traballo feito polo seu autor Serxio Pena, artista que actualmente compaxina a actividade docente coa de produción musical e composición para medios audiovisuais. Entre outras, Pena é creador da BSO do Bosque Animado e Soño dunha noite de San Xoán.