DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 26 de marzo e 2 de abril

A Facultade de Dereito acolle unhas xornadas nas que se definirán os límites entre as distintas ordes xurisdicionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 20/03/2009
En España os órganos xudiciais están divididos en cinco grandes grupos, as denominadas ordes xurisdicionais civil, penal, contenciosa-administrativa, laboral e militar, que teñen a misión de xulgar e facer executar a súa decisión. Cada vez que un cidadán acude a un órgano xudicial cunha demanda “o primeiro que debe saber é a cal destas cinco xurisdicións ten que dirixirse”, explica Roberto Bustillo, profesor de Dereito administrativo. Co obxectivo de marcar os límites entre unhas ordes e outras, a Facultade de Dereito, baixo a dirección de Bustillo, acolle as Jornadas sobre fronteras jurisdiccionales que se celebrarán os días 26 marzo e 2 de abril no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial. “As conferencias planéanse como un complemento académico aos estudos dos alumnos, xa que na universidade hai que facer algo máis que ir a clase e aprobar exames”, comenta Bustillo. Tamén están convidados a asistir aqueles profesionais do dereito interesados en coñecer os supostos “nos que ás veces é difícil saber a que xurisdición dirixirse”.
As xornadas, programadas en dúas tardes para favorecer a asistencia, contarán coa presenza de expertos na materia altamente cualificados, o que contribuirá “a enriquecer a formación dos alumnos”.

Onde están os límites?

As xornadas comezarán o 26 de marzo establecendo os límites entre as xurisdicións contenciosa-administrativa e social, cunha conferencia ofrecida polo presidente da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria e doutor en Dereito, Rubén López. Tras el chegarán Esther González, secretaria xeral da Universidade de Vigo e María Dolores Fernández, doutora de Dereito procesal para falar dos lindes entre as xurisdicións civil e penal no ámbito da protección de menores.
O día 2 de abril rematarán as xornadas co relatorio do maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Lousada, que establecerá as fronteiras entre as ordes social e civil.

A inscrición

As xornadas contan cun límite de 40 prazas e “polo de agora xa están cubertas 32 a falta de que peche o prazo o martes 24”, subliña Bustillo. De carácter gratuíto, poderán asistir tanto alumnos como profesionais recibindo todos eles un diploma acreditativo. A inscrición realizarase nos despachos 3.12 ou 3.22 da Facultade de Dereito ou ven enviando un correo electrónico aos enderezos rbustillo@uvigo.es ou mfprieto@uvigo.es.