DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 40 licenciados recolleron os seus diplomas e bandas

A Facultade de Dereito despide á promoción que acadou os mellores expedientes e a nota media máis elevada

O profesor Roberto Bustillo actuou de padriño

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 16/01/2009

O salón de actos do Edificio Politécnico vestiuse de gala para acoller á XIV promoción da Facultade de Dereito nun acto de graduación cheo de emoción e nervios, no que os egresados recibiron os diplomas que os converten en licenciados. Con eles estiveron os seus familiares e amigos, ademais de profesores e diversas autoridades que os acompañaron neste traxecto da súa vida que comezou no ano 2003 e que este venres 16 remata, abríndose agora unha nova etapa para todos eles.
Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus foi o encargado de presidir o acto, no que tamén participaron os decanos das Facultades de Dereito de Santiago de Compostela, de A Coruña e de Ourense, Antonio López, Eloy Miguel Rodríguez e Inés Iglesias. Xunto con eles Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; os catedráticos do Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Jaime Cabeza e Gonzalo Diéguez, e por último, o padriño da promoción, elixido polos propios alumnos, Roberto Bustillo Bolado, profesor de Dereito Administrativo.
O acto de graduación, que pecha a semana de celebración da festividade do patrón do Dereito, San Raimundo de Peñafort, comezou co nomeamento de Gonzalo Diéguez como membro honorario do claustro de profesores. Cabeza, que foi o encargado de facer os honores, referiuse a el como “un profesor singular no que se concitan os valores que todos os docentes deberían perseguir”.

Os protagonistas

Sentados nas tribunas coas súas mellores galas, pais, amigos e estudantes agardaban o momento máis importante da noite, a entrega de diplomas. Para o padriño da promoción, o profesor Bustillo, “son cinco as virtudes que todo bo xurista debe ter: capacidade de traballo, saber manexar a información, coñecer a condición humana, posuír a formación precisa e, o máis importante, ter corazón”. De todas as promocións que pasaron pola facultade, “esta, a décimo cuarta, é a que conta cos expedientes e a nota media máis elevada”. Bustillo rematou a súa intervención desexando aos alumnos “non que cheguedes, vexades e venzades, senón que salgades, aprendades, tropeces e os volvades a erguer, porque se tras todo isto o voso corazón segue intacto, gañastes”.
Tras o padriño, a licenciada Marta Pérez Veiras foi a encargada de ler o discurso en representación de todos os seus compañeiros, lembrando aqueles momentos iniciais “que parece que foron onte porque cando se goza de forma plena do que se fai sempre parece curto”. O seu desexo para o futuro “un mundo mellor, máis xusto e máis fermoso, tal como reza o noso lema, Melior, iustior, pulchrior".
Ao remate das intervencións comezou a ansiada entrega de diplomas e a imposición de bandas á XIV promoción de licenciados da Facultade de Dereito. Ao redor de 40 alumnos foron baixando cun sorriso no rostro para recoller de mans das autoridades presentes e do seu padriño os merecidos galardóns ao esforzo destes cinco anos. O premio extraordinario da promoción foi a parar as mans de Rosa Lama Marra.
O acto rematou co himno universitario, o Gaudeamus Igitur, que foi interpretado para deleite dos asistentes pola Coral Auria Canta.