DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración das Xornadas de Excelencia Xurídica

A Facultade de Dereito faille unha chiscadela á sociedade para celebrar os seus 20 anos de historia

Todos os Membros Honoríficos do Claustro de profesores están xuntos por primeira vez

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noemí Rey DUVI 04/11/2010

Crear un contrato entre a Universidade e a sociedade. Con esa idea naceu hai xa vinte anos a Facultade de Dereito do campus de Ourense, que quere celebrar as súas dúas décadas de existencia coas tradicionais Xornadas de Excelencia Xurídica pero cun ingrediente especial: por primeira vez estes relatorios reunirán a todos os xuristas que foron nomeados Membro Honorífico do Claustro de profesores con motivo do día do seu patrón, San Raimundo de Peñafort. “Hai 20 anos que a Universidade ten a súa Carta Magna. Meses botando horas e horas de traballo nas que eu tamén participei co orgullo que tiñamos de comezar un novo proxecto e de poder xerar coñecemento xurídico nun apartado imprescindible da sociedade”, rememorou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.

Tras a unhas breves verbas do primeiro decano da facultade, Luis Rodríguez Ennes, nas que resaltou a oportunidade de “reavivar vínculos” que supoñen estas xornadas, o actual decano, Miguel Ángel Michinel quixo gabar o esforzo dos que antes ocuparon o seu posto porque “somos un centro pequeno pero camiñamos cara a dirección axeitada. Só queremos que esa unión entre o centro e a sociedade se manteña ao longo dos anos”. Unhas palabras similares ás do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Emilio Atrio, que emocionado recordou como lle encargaron dar a primeira conferencia de apertura de curso hai dúas décadas. “Desde entón estamos abertos a todo o que redunde en beneficio do estudantado, porque son os representantes da sociedade”, aclarou.

Xa co Plan Boloña de fondo e como “punto clave para demostrar a madurez adquirida”, os participantes nas xornadas non quixeron esquencer que agora comeza unha segunda fase aínda máis importante que a implantación “en tempo récord” deste sistema Europeo de Educación Superior que “da soporte ao contrato social entre universidade e cidadáns”. “É momento de comezar a ver se se cumpren as promesas. O sistema universitario galego leva a cabo un proxecto piloto que se empregue como marco de referencia propio para o seguemento das titulacións e como punto clave de futuro para facer as modificacións naturais do proceso”, recalcou José Alberto Díez, responsable da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta.

O dereito laboral estrea as xornadas

Como punto de partida dos relatorios que acolle a Facultade de Dereito estes 4 e 5 de novembro, un dos pesos pesados do Deireito Laboral, o profesor da universidade compostelana, Gonzalo Diéguez, que afondou nos cambios de obxectivos da política laboral. Para presentar “ao mestre” estivo acompañándoo o profesor Jaime Cabeza, que recalcou o feito de que na actual situación que vive España “parece que o Dereito Laboral é un dereito de coxunturas. A crise actúa como motivo de cambio e compañeira de viaxe da Lei do Traballo”.

Nunha época marcada socialmente pola entrada en vigor da última reforma laboral, pola profunda modificación da lexislación en materia de Seguridade Social que se está a fraguar e pola proxección dun cambio na estrutura da negociación colectiva, o profesor Diéguez fixo un repaso polos anais da historia do traballo desde que apareceron as primeiras pinceladas da política laboral aló polo século XIX. “Chegou un momento a metade do século pasado en que se deron conta de que a estabilidade no emprego era imposible. Xa a finais dos anos 60 as condicións laborais dos traballadores melloraron e incluso lograron certa estabilidade xudicial. Sen embargo, en España o asunto, como sempre, se retrasou”, sentenciou.