DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa adaptación da titulación ao EEES, pasouse das 240 da diplomatura ás 695 actuais

A Facultade de Fisioterapia triplicou o número de horas dedicadas a estancias clínicas

De forma voluntaria, a dirección da facultade ampliou o abano de prácticas con seminarios e sesións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 19/12/2012

Para a titulación de Fisioterapia, a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior supuxo un gran salto cualitativo no que a formación práctica se refire. A dirección e o profesorado da facultade pontevedresa aproveitaron o cambio para reforzar as estancias clínicas do seu alumnado nos centros conveniados multiplicando case por tres o número de horas dedicadas a prácticas externas nos dous últimos anos. Se antes da adecuación ao EEES, o plan de estudos estipulaba 240 horas de estancias clínicas, na actualidade cada estudante de Fisioterapia dedica 695, “un total de 24 semanas do último curso académico”, explica Manuel Gutiérrez, decano da facultade.

Aínda que as estancias clínicas do grao se programan en base á Orde CIN/2135/2008, que establece como requisito formativo prácticas tuteladas para a verificación do título, o centro pontevedrés vai máis aló e complementa ese prácticum clínico coa elaboración de portafolios, seminarios e sesións de debate e exploración. “Esta planificación foi unha aposta desta facultade co propósito de que o alumno ou alumna saque o máximo proveito das prácticas”, salienta Gutiérrez. Así, as estadías clínicas propiamente ditas realízanse nos centros cos que a Universidade de Vigo ten convenio de prácticas, sempre coa supervisión dos profesores responsables ou de titores autorizados. Cada estudante pasa por seis rotatorios que atenden aos distintos ámbitos da Fisioterapia “para que a formación dada abarque as diferentes patoloxías susceptibles de tratamento- osteoarticular, neurolóxica infantil e de adultos, exercicio libre e outras especialidades-", cada un cunha duración de 4 semanas. Tras cada rotatorio, o estudante debe elaborar unha memoria “xa que así, ademais da destreza técnica, reflexiona sobre o proceso de aprendizaxe”, matiza o decano, incluíndo información sobre tipo de paciente tratado, avaliación, métodos e técnicas empregadas, informes realizados así como unha relación das competencias “que considera que conseguiu con esa práctica”.

A carga práctica compleméntase coa celebración de seminarios, cos que se fomenta o traballo en grupo ampliando contidos específicos da materia, e coa posta en marcha de sesións clínicas nas que o alumnado debe expoñer un caso práctico vivido sobre algún paciente real, “buscando crear un debate co que afondar no coñecemento da patoloxía tratada en concreto”, salienta o decano. Cada rotatorio avalíase individualmente, representando o 70% da nota práctica, as memorias, as sesións de debate e os seminarios supoñen o restante 30%.

Balance positivo

Este novo plan de estudos probouse por primeira vez no curso 2009-2010 e tras dous anos de rodaxe, o decano atrévese a facer un balance moi positivo dos cambios “pois, a pesar de que supuxo unha maior carga de traballo para a dirección, estamos moi satisfeitos cos resultados e recoñecementos acadados”. Para o alumnado tamén derivou nunha maior dedicación e esforzo, “aínda que está contento co novo modelo”, engade o decano, xa que agora realiza prácticas no derradeiro curso do grao, “momento no que o estudante xa adquiriu todos os coñecementos teóricos e prácticos fundamentais para un bo desenvolvemento e aproveitamento das sesións clínicas”.

Esta formación práctica precisa de 30 profesores titores “que non supervisan a máis de dous ou tres alumnos para brindarlles unha atención e asesoramento de calidade”, apunta. Nestes momentos, a facultade ten convenio con 16 centros, entre os que se atopan varios hospitais de carácter público e privado, así como mutuas, centros de fisioterapia de grande e pequeno tamaño ou residencias da terceira idade, “unha boa variedade coa que coido que atendemos a todos os ámbitos da titulación para formar a bos profesionais”, conclúe Manuel Gutiérrez.