DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto piloto xunto ao CPR Padre Feijoo Zorelle

A Facultade de Historia tende pontes co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria

As e os escolares desenvolverán un traballo con apoio de profesorado universitario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/02/2019

Co título de Tendendo Pontes a Facultade de Historia do campus de Ourense puxo en marcha este martes un proxecto piloto no que traballará con alumnado de varios cursos de Educación Secundaria Obrigatoria dun centro de Ourense, concretamente co CPR Padre Feijoo Zorelle. Ao longo de varias semanas, as e os escolares vivirán a experiencia de achegarse á Universidade de Vigo desenvolvendo un traballo en grupo co apoio de profesorado universitario.

“Trátase dunha primeira experiencia para tender pontes entre a Universidade, neste caso a Facultade de Historia, e o Ensino Secundario Obrigatorio co obxectivo último de fomentar os estudos de historia e espertar nos rapaces e rapazas a curiosidade por aprender do pasado”, comenta Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia. “Cremos que é moi importante que a realidade dos centros se achegue á universidade para que esta saiba adaptarse ás súas necesidades xa que boa parte dos seus egresados son logo profesores”, explica Beatriz Nieto, profesora do CPR Padre Feijoo-Zorelle, centro que o pasado ano gañou a I Olimpíada de Historia que organiza a Facultade de Historia do campus.

Tres sesións

A iniciativa, na que participan alumnas e alumnos de primeiro e cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria, desenvólvese en varias etapas. A primeira delas tivo lugar este martes e consistiu na visita á Facultade de Historia dos 21 alumnos e alumnas de primeiro curso de ESO que participan no proxecto, acompañados pola súa profesora Beatriz Nieto, egresada deste campus, e por dous estudantes de cuarto curso do Grao en Xeografía e Historia que están a realizar as súas prácticas no CPR Padre Feijoo Zorelle. O obxectivo da visita foi presentarlle a rapazas e rapaces a facultade coa que colaborarán, os seus estudos e as principais instalacións coas que conta o seu alumnado, como son as aulas, os laboratorios de informática e arqueoloxía e a biblioteca universitaria. Na benvida ao centro, Susana Reboreda fixo fincapé ás e aos asistentes nas vantaxes que supón para a aprendizaxe ser un centro pequeno e animou aos rapaces e rapazas a sacarlle todo o proveito ao proxecto que agora inician.

“Están moi emocionados por vir á universidade. A eles a perspectiva de traballar así encántalles e isto é unha cousa que non fixeron nunca. Están moi receptivos a todo e moi contentos de poder asistir a unha charla na universidade, coñecer á decana da facultade e facer un proxecto para logo presentar aquí”, comentaba Beatriz Nieto durante a visita. “Penso que será unha experiencia bonita para todos, tanto para os rapaces e rapazas como para os que participamos desde a facultade”, indicaba pola súa banda Susana Reboreda.

Tras esta visita, a seguinte fase do proxecto será unha charla sobre a mitoloxía grega ofrecida pola propia Susana Reboreda, experta en historia antiga, no colexio das e dos participantes. A partir desa sesión comezará o desenvolvemento por parte do alumnado dun proxecto en grupo que logo terán que expoñer oralmente nunha sesión que se celebrará na Facultade de Historia. De xeito paralelo, o alumnado de cuarto curso seguirá o mesmo procedemento, pero nesta ocasión será o profesor da Universidade de Vigo Julio Prada o seu enlace no campus e a temática sobre a que traballarán será a represión do profesorado durante o franquismo. En ambos casos, explican desde a organización da iniciativa, buscáronse temas de traballo relacionados con contidos curriculares da materia de Historia en primeiro e cuarto curso de ESO.