DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con representación de todos os ámbitos de coñecemento

As facultades e escolas do campus acollerán 21 másteres oficiais durante o vindeiro curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 30/06/2008

Caracterizados por unha estrutura académica flexible que atende as necesidades dos estudantes, trinta programas de posgrao, dezaseis deles de nova incorporación, serán impartidos na Universidade no vindeiro curso 2008-2009. Vinte e un dos estudos ofertados, pertencentes aos ámbitos científico, humanístico, tecnolóxico e xurídico, desenvolveranse en facultades do campus de Vigo, xa sexa de xeito exclusivo ou en colaboración con outras entidades. “Aínda quedan áreas temáticas por cubrir, pero neste momento están representados practicamente todos os centros da Universidade”, tal como explica Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea.
Adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior, o catálogo mostra unha predominancia de títulos de carácter profesionalizante, dotados dun alto grao de especialización ou transversalidade, que compensan as carencias das titulacións actuais e responden ás novas demandas do mercado de traballo.
A oferta complétase con estudos de perfil investigador, especialmente no campo das ciencias experimentais, que pretenden a formación na etapa de iniciación á carreira de investigación, para acadar non só o título de máster, senón tamén o de doutor. Ademais dos programas promovidos e desenvolvidos pola Universidade, tamén hai algún de tipo interuniversitario, xa que “a cooperación é interesante por que supón complementariedade”, segundo García Mateo.

Catro máster formarán investigadores para incorporarse á comunidade científica

O Máster en Acuicultura ven a incorporarse aos de Neurociencia, Química Avanzada e Química Teórica e Modelización Computacional, que xa se impartiron anteriormente, para elevar ata catro a oferta de títulos de ámbito científico no campus vigués. Todos eles dan acceso ao título de doutor do posgrao en cuestión, polo que responden a un perfil investigador en temas de actualidade e sectores notables para Galicia.
Organizado polas tres universidades da nosa comunidade, bota a andar o Máster en Acuicultura, dirixido a proporcionar aos alumnos as destrezas e aptitudes básicas para deseñar e xestionar instalacións continentais e mariñas, avaliar o seu impacto ambiental e responder ás necesidades de I+D do sector.
Mentres, o Máster en Neurociencia achega coñecementos actualizados e técnicas experimentais dos diferentes campos desta disciplina coa finalidade principal de formar investigadores.
Por último, ofrecer unha base sólida en química e especializar a titulados na disciplina no uso das técnicas computacionais propias da química teórica son os obxectivos do títulos de posgrao Química Avanzada e Química Teórica e Modelización Computacional.

Nove programas máster de carácter tecnolóxico cobren as necesidades da industria galega

A ampla tradición que a Universidade ten nas ensinanzas técnicas vese reflexada na extensa oferta de programas máster da que dispón. No campus de Vigo impartiranse nove dos once posgraos de carácter tecnolóxico que cobren os ámbitos da enxeñaría, a telecomunicación, a informática, as matemáticas e a enerxía.
Cunha base teórica e práctica, o Máster Universitario en Enxeñaría da Edificación e Construcións Industriais, que se estrea o vindeiro curso, ofrece as especialidades de estruturas, instalacións e control e xestión das obras para formar especialistas no sector.
Máis específico é o Máster en Enxeñeiro de Soldadura, que busca achegar á industria e aos técnicos o coñecemento dos distintos tipos de materiais e das súas tecnoloxías de unión, fundamentais para poder situarse ao mesmo nivel doutros países.
Ao ser o sector do automóbil estratéxico para Galicia, resulta natural a aposta que realiza a Universidade por el a través do Máster Universitario en Tecnoloxías e Procesos na Industria do Automóbil. Coas especialidades de tecnoloxías e procesos, o título vai dirixido tanto a técnicos de nivel superior nesta rama como a profesionais doutros sectores.
Pola súa banda, o Máster en Física Aplicada, un dos de maior traxectoria do campus, afonda na formación integral dos estudantes no eido da física aplicada, tanto desde o punto de vista académico, como investigador e profesional.
A formación de carácter especializado complétase co Máster en Técnicas Estatísticas e o Máster en Fotónica e Tecnoloxías do Láser, impartido con colaboración do resto de universidades galegas.
Dentro da área da informática, atópase o Máster en Consultoría de Software Libre que tamén se incorpora o vindeiro curso á oferta da Universidade. Estes estudos parten do coñecemento das principais técnicas de planificación, xestión e control de calidade de proxectos informáticos para formar os seus alumnos no deseño, aplicación e mellora dos sistemas de xestión de calidade dos proxectos tecnolóxicos.
Xunto aos títulos anteriores, o campus de Vigo contará co Máster en Prevención de Riscos Laborais, que nace da necesidade de atallar a elevada sinistralidade que sufre España; o Máster en Enxeñaría Matemática, que busca preparar especialistas nos aspectos matemáticos necesarios en todo departamento de I+D+i, e o Máster Enerxía e Sustentabilidade, co que a Universidade confirma unha aposta, única en Galicia, a favor das enerxías renovables que se manifesta en iniciativas coma o Plan Suma, pensado para reordenar enerxeticamente todo o campus de Vigo.

O ámbito xurídico-social, representado en Vigo por cinco títulos

O mundo da empresa, o comercio e as políticas europeas son algunhas das áreas temáticas que abordan os cinco títulos de posgrao relativos ao ámbito xurídico-social que o vindeiro curso se impartirán nas facultades viguesas.
Dirixido a diplomados e licenciados da rama empresarial, o Máster en Comercio Internacional trata de formar profesionais capaces de enfrontarse ao reto da ampliación de mercados. Outra das novidades do curso será o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sustentable, que mostrará o xeito de incorporar ás empresas e institucións as mellores políticas e prácticas para afrontar o futuro respectando o entorno.
A Facultade de Ciencias Económicas é o escenario elixido para impartir o novo Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial, un proxecto internacional dirixido a formar titulados con sólidos coñecementos da Unión Europea e das súas políticas vinculadas co desenvolvemento rexional. Seguindo coa oferta interuniversitaria, unha das novas apostas é o Máster en Dirección de Empresa Familiar, unha iniciativa que, nun momento marcado pola desaceleración económica, nace coa finalidade de favorecer a consolidación dun sector vital para a economía española.
Por último, impartirase tamén o segundo curso do Máster en Xestión e Dirección Laboral que está a preparar profesionais altamente cualificados para a organización dos recursos humanos dentro da empresa, a mediación e a auditoría sociolaboral e todo o relacionado coa seguridade social.

Multiplícase por tres a oferta de posgrao no ámbito humanístico

O Máster en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega ven, xunto co de Edición, a unirse ao de Estudos de Xénero, que xa se impartiu neste curso académico, para ampliar o abano de posibilidades que a Universidade de Vigo ofrece no tocante a estudos de posgrao de ámbito humanístico. De carácter interuniversitario, todos eles serán impartidos na Facultade de Filoloxía e Tradución.
A lingua é protagonista dos novos títulos. No caso dos estudos en Edición, o obxectivo é proporcionar os coñecementos precisos sobre o funcionamento do mundo editorial, prestando especial atención á edición de textos en galego. Pola súa banda, o Máster en Política e Planificación da Lingua Galega xurde da necesidade de formar profesionais cualificados para pór en práctica o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Pola súa banda, o Máster en Estudos de Xénero ofrece os instrumentos conceptuais, metodolóxicos e técnicos necesarios para deseñar a pór en marcha iniciativas públicas ou persoais orientadas á transformación das desigualdades debidas a cuestións de sexo.

Máis información na páxina da Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea