DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano pontevedrés presidirá a Conferencia Nacional de Directores durante os próximos 3 anos

As facultades de Fisioterapia de España escollen a Manuel Gutiérrez como máximo representante

O bo nivel do centro pontevedrés avalou a súa candidatura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 13/12/2011

Ser pioneira en toda España na implantación en bloque do grao, cunha rápida adaptación ao EEES, permitiulle á Facultade de Fisioterapia do campus de Pontevedra converterse nun referente nacional entre os centros de ensinanza universitarios que imparten esta titulación. Dada esta boa consideración, o decano da facultade pontevedresa, Manuel Gutiérrez, acaba de ser nomeado presidente da Conferencia Nacional de Directores de Escolas Universitarias de Fisioterapia, CNDEUF, cargo que ostentará durante os próximos tres anos. É a primeira vez que Gutiérrez asume esta responsabilidade despois de lograr 32 dos 34 votos emitidos, cun en branco e outro nulo.

Manuel Gutiérrez, que xa ocupaba coa anterior presidenta, María Teresa Labajos Manzanares, a vicepresidencia da CNDEUF, decidiu presentarse ás eleccións avalado pola súa dilatada experiencia á fronte da facultade pontevedresa e pola confianza por parte dos seus colegas de profesión. “Presentouse unha soa candidatura polo que foi moi importante o grande apoio recibido, consecuencia da boa imaxe que se ten da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra no resto das universidades do estado español”, explica o propio Gutiérrez.

O reto, o doutoramento

Cunha ampla experiencia no proceso de adaptación das titulacións ao grao, Manuel Gutiérrez establece como prioridade en este novo cargo que todos os centros consigan a nova acreditación que eleve a calidade da profesión. Por outra banda, ten como obxectivo que a conferencia se converta nun lugar idóneo para o intercambio de experiencias, facilitando a creación de sinerxías entre as distintas universidades para a consolidación futura de programas de doutoramento. Engade ademais a necesidade de expandir as relacións da CNDEUF, polo que “se iniciarán contactos co Consello Xeral de Colexios de Fisioterapeutas e coa Asociación Española de Fisioterapeutas para establecer vínculos que permitan resolver problemas que se poidan ter en común”, salienta Gutiérrez. Así mesmo, a directiva atópase inmersa na organización da XI Xornada da CNDEUF, “que se celebrará en xuño do 2012 na Universidad Rovira e Virgili, en Reus”.

Maior visibilidade

Manuel Gutiérrez presidirá ata 2015 un organismo que naceu hai 15 anos e que aglutina a totalidade das escolas universitarias e facultades de Fisioterapia de España, tanto públicas como privadas. Como sinala Gutiérrez, a conferencia debe ser un lugar de encontro e de debate, “que promova a reflexión e a análise para o desenvolvemento da fisioterapia no ámbito académico, formulando propostas e recomendacións ante a Administración Pública”. Terá a súa nova sede na Facultade de Fisioterapia do campus, “por ser o espazo de traballo do seu presidente”, apunta. Igualmente, que un profesor da Universidade de Vigo asuma esta responsabilidade supón para a institución unha maior visibilidade, “pero non soamente dentro do ámbito académico da fisioterapia, senón tamén a nivel de outras entidades coas que se ten relación dende a conferencia”, engade o novo presidente.

Só poden presidir este organismo os decanos ou directores dun centro universitario membro da conferencia e deben presentar un equipo de goberno que ostente os demais órganos unipersoais. Deste xeito Manuel Gutiérrez preside a conferencia cunha directiva formada por María del Carmen García Ríos, profesora da EU de Ciencias de la Salud da Universidad de Granada, como vicepresidenta; Carlos Calleja Frutos, profesor do Centro Universitario Ciencias de la Salud de San Rafael de Nebrija, como secretario e Eva Segura Ortí, profesora da Facultad de Ciencias de la Salud da Universidad Cardenal Herrera, como tesoureira.