DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Decanos e vicedecanos dos 5 centros existentes reuníronse estes xoves no campus

As facultades galegas de Educación comparten experiencias en Ourense

A cita permitiulles intercambiar impresións sobre a nova reforma educativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 02/02/2012

Periodicamente responsables das facultades galegas que imparte Ciencias da Educación nalgunha das súas ramas reúnense para estreitar os lazos de colaboración e para pór en común experiencias, problemáticas e inquedanzas. Este xoves, a cita celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, coa participación de representantes dos cinco centros que imparten estes estudos en Galicia. Xunto aos temas específicos da súa área, esta reunión permitiu a decanos e vicedecanos intercambiar as primeiras impresións sobre o anuncio de reforma educativa realizado por José Ignacio Wert, ministro de Educación, Cultura y Deporte.

Na reunión participaron por parte da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense a súa decana, Mercedes Suárez, e os seus vicedecanos, Xosé Manuel Cid, María del Mar García e María del Pino Díaz. Ademais, estiveron do campus de Pontevedra Esther Martínez e Carlos Valcárcel. Pola Universidade de Santiago representaron aos centros vinculados con Educación Lois Ferradás e Francisco Rodríguez Lestegás e por parte da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel, Elena Zapico e Ana Iglesias.

Durante a reunión intercambiaron información e experiencias do practicum e dos traballos fin de carreira que realiza o alumnado nos diferentes centros, analizaron cuestións relacionadas coa colaboración entre centros e a mobilidade de estudantes e outros aspectos técnicos dos seus centros. Á espera de ter toda a información precisa, a reunión tamén serviu para que os responsables dos centros intercambiasen as primeiras impresións sobre a próxima reforma educativa e como pode afectar as modificacións anunciadas ao deseño dos estudos que se imparten nas súas respectivas facultades.

Esta é a segunda reunión que celebran os decanos e vicedecanos de Educación galegos despois dunha primeira edición na Coruña. Unha iniciativa que agardan teña continuidade pois, destacan, permite incrementar a colaboración e a comunicación entre os centros que traballan nesta área nas diferentes universidades galegas.