DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gonzalo Navaza, escritor e organizador do Congreso Pé d Letra:

“Un fai textos literarios coma un artesán aprende a facer cestos”

O encontro terá lugar no teatro Vidal Bolaño e o Verbum de Samil do 21 ao 24 de abril

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/04/2009

“Tronco, yo no corono rollos con bombo” ou “con condón, yo floto pronto” son algúns fragmentos da canción de hip-hop posta en marcha polo Ministerio de Sanidade para frear o aumento de embarazos non desexados e de abortos entre as adolescentes. Máis alá disto, a peza é un bo exemplo de monovocalismo en “o”, pois esta é a única vocal que se emprega en toda a canción, e tamén unha boa mostra de que “o xogo coa linguaxe non é só cousa de nenos”, tal e como salientou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, na presentación do congreso internacional Pé d letra. Creatividade e literatura potencial, que a vindeira semana reunirá en Vigo a investigadores, escritores e tradutores de prestixio internacional.
Máis aló do que adoita ser un congreso científico, o encontro tratará de exhibir na práctica en que consiste iso que chaman a literatura potencial, unha literatura alternativa na que se parte da idea que calquera pode ser creativo. “Referímonos á concepción da literatura coma unha artesanía no bo sentido da palabra, é dicir, un fai textos literarios coma un artesán aprende a facer cestos”, salientaba Gonzalo Navaza, un dos principais autores deste tipo de literatura en Galicia .
Navaza acudiu á presentación, ademais de como autor, en calidade de organizador do encontro, xunto ao tamén profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Hermes Salceda, quen quixo recalcar que “non estamos ante un escola nin un movemento literario, senón ante unha determinada forma de traballar”. Arroupados na organización por expertos das universdidades de Minho, Nova York, París III Sorbonne Nouvelle e a embaixada de Francia, o congreso tentará achegar á sociedade as posibilidades creativas das letras e das palabras.

Actividades para non “iniciados”

Ao fío da presentación, a vicerreitora aproveitou a ocasión para recomendar unha serie de actividades ao público “non iniciado” que, segundo apuntou, “estou segura van suscitar curiosidade”. Fixo especial fincapé no concerto que ofrecerá Pierre Bastien o próximo martes no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, posterior á inauguración oficial do congreso. “Será un concerto moi especial e todo un reto que incorporamos na programación cultural coa convicción de que a universidade é o espazo máis acaído para unha experiencia que xoga, esta vez coa música, e os artefactos mecánicos para producir efectos sorprendentes”, salientou.
Xunto ao concerto o congreso acollerá tamén dúas exposicións, que se poderán visitar no VERBUM a partir do luns, unha sobre o potencial inventivo das letras e outra dedicada aos grafismos “palindrómicos” no cómic. No primeiro caso, “ArteLetra”, pártese dos 29 cubos nos que se organiza o VERBUM, cada un dedicado a unha letra e preséntanse unha serie de textos oulipianos en distintas linguas románicas. No segundo, SeverOreveS, pártese de dous exemplos de artistas de banda deseñada, un de principios do século XX, Gustave Verbeek, e outro actual, Shuiten, que traballan con este tipo de ideas: imaxes que se ven igual ao dereito e ao revés, simetrías...
Antepoñendo a calquera coñecemento teórico a relación directa coa escritura, o director do VERBUM, Rosendo Covelo, quixo convidar a todos os interesados a “achegarse ao interesante mundo das ideas oulipianas, que veñen contribuíndo dun xeito decisivo á renovación das formas de transmitir a experiencia literaria”.

Panorama galego

No referente á situación do panorama galego neste eido, Gonzalo Navaza apuntou que a literatura galega non se presta moito a este tipo de creacións, “non porque non se preste a lingua galega, senón porque non se prestan as circunstancias sociais do sistema”. Segundo este autor, é unha literatura especialmente seria, porque está cargada de outras responsabilidades que non son as estritamente literarias e, ademais, responsabilidade lingüísticas que teñen que ver coa consolidación do código na sociedade galega.