DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A agrupación Schola Cantorum precisa novos membros para renovar as súas voces

Faite escoitar... no coro do campus!

As persoas interesadas poden achegarse aos ensaios para coñecer o seu traballo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 17/09/2013
A túa voz é importante, faite escoitar!. Para iso está o Coro Universitario do Campus de Ourense. Este é o lema elixido pola agrupación musical Schola Cantorum para animar ao novo alumnado a unirse a ela. “O único requisito que lle pedimos á xente é que teñan a valentía de achegarse, sen compromiso algún, aos nosos ensaios. De seguro que se veñen, quédanse”, destaca Xabier Álvarez, director da formación. Cada curso académico, explica, unha trintena de persoas se unen a este coro, que, puntualiza, racha tópicos tanto no seu repertorio coma nas súas accións.

“Coma todos os anos, ao rematar o curso académico algúns dos nosos membros teñen que deixar a formación porque se van a estudar a outra cidade, porque comezan a traballar, etc. Entón, agora que iniciamos un novo curso é o momento de convidar á comunidade universitaria, sobre todo aos seus novos membros, que non saben aínda da nosa existencia, a que se acheguen un día aos ensaios para coñecer o noso traballo e, se o desexan, unirse a nós”, explica Xabier Álvarez. Aínda que todas as persoas son benvidas, as voces masculinas son as máis demandas polo coro, xa que na actualidade son maioría as mulleres. Ademais, para apuntarse a esta iniciativa non é necesario ter formación vogal ou musical, xa que será proporcionada polo propio coro ao longo dos ensaios.

Un repertorio diferente e algunha sorpresa

Entre as características que ten o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum os seus compoñentes destacan o bo ambiente que teñen no grupo e a satisfacción que ofrece cantar un repertorio pouco convencional, no que destaca a mestura de pezas populares galegas con outras africanas, de pop ou de góspel, entre outras. Alén da emoción que supón pór a música aos acto máis relevantes do campus, como os actos de graduación, a agrupación está estreitando cada día máis os seus lazos coa súa contorna e realizando actuacións fóra do contexto universitario ourensán, chegando o curso pasado a actuar en Portugal. Ademais, cada ano levan a cabo algunha acción innovadora, como flashmobs e actuacións sorpresa. “Hai que rachar os prexuízos que ten a xente cara os coros”, subliña o director da Schola Cantorum.

A primeira actuación do coro será xa o día 26 de setembro, no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, entidade coa que a Vicerreitoría do campus colabora con diferentes actividades ao longo do curso académico. “Volveremos alí co gallo das Festas da Mercé e para nós é unha gran satisfacción, porque é sempre un público moi participativo e animado”, comenta Xabier Álvarez. Mentres ese día chega, os compoñentes da agrupación pechan o repertorio deste curso e xa están inmersos, un curso máis, nos ensaios, que teñen lugar os luns e xoves, de 20.00 h a 21.30 h, na aula de música do terceiro andar do Edificio de Ferro.