DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes terá lugar un acto de recoñecemento

Falece o sociólogo e docente Xan Bouzada

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/05/2008

Docente e investigador. Catedrático e autor de numerosas publicacións sobre socioloxía da cultura, desenvolvemento local ou análisis sociolingüístico, falecía nas últimas horas, tras unha longa enfermidade, Xan Bouzada.
Ao longo da súa traxectoria profesional, o sociólogo Xan Bouzada, destacou polo seu traballo no Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo, do que foi director e desde o que nos últimos tempos impartiu as materias de Socioloxía do consumo, Socioloxía da comunicación e Socioloxía xeral.
Unha labor de docencia que Bouzada foi quen de levar a cabo ao tempo que desenvolvía outras actividades como a dirección do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, da revista Cooperativismo e Economía Social ou a participación no Consello de Redaccion da Revista Grial.
Activo colaborador en medios de comunicación, Bouzada publicara hai escasamente un ano un extenso informe titulado “As políticas culturais nas sete principais cidades galegas” que puña de manifesto, tras anos de estudo, as desigualdades existentes entre as sete principais cidades de Galicia ante a cultura.

Intensa produción

O informe elaborado para o Consello da Cultura Galega foi unha das súas últimas contribucións a engadir a unha longa relación de publicacións que durante anos realizou Xan Bouzada e entre as que destaca a que en 2002 e xunto a Xesús A. Lage, realizou sobre o retorno a Galicia dos emigrantes como culminación do ciclo da emigración galega.
Nacido en Lugo en 1951, Bouzada Fernández era doutor en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Socioloxía da Universidade de Toulouse-le Mirail.
Decenas de artigos en revistas nacionais e internacionais e decenas de libros escritos en solitario ou participados con outros autores, fixeron de Bouzada unha referencia no ámbito da socioloxía.

Acto de recoñecemento

En recoñecemento ao seu labor como docente e investigador, este martes a partir das 18.00 horas celebrarase no tanatorio Vigomemorial un acto público no que a comunidade universitaria lembrará a un dos seus maís recoñecidos membros.