DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Doutor honoris causa pola UVigo en 1999, era profesor emérito da UC3M

Faleceu Aníbal Figueiras, director-comisario encargado da creación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 07/02/2022

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo dicía adeus nas últimas horas a un dos seus creadores: o enxeñeiro vigués Aníbal Figueiras Vidal. Nado en Vigo en 1950 e catedrático con 26 anos na Universidad Politécnica de Madrid, Figueiras Vidal foi director-comisario e artífice da creación da EET da UVigo, a terceira escola de enxeñaría de telecomunicación fundada en España, logo das existentes en Madrid e Barcelona.   

Comisionado en 1995 para a creación dos estudos de enxeñería de telecomunicación na Universidad Carlos III, presidente da Real Academia de Ingeniería de España e cofundador do Ibero-American Science&Technology Education Consortium (Istec), Figueiras tamén recibiu o recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias, que o nomeou académico correspondente. Ao longo da súa traxectoria académica, Aníbal Figueiras Vidal publicou máis de 400 contribucións científico-técnicas (artigos e poñencias), dirixiu un centenar de proxectos e contratos de I+D nacionais e internacionais, e varias decenas de teses de doutoramento. 

Honoris causa pola UVigo e protagonista do 25 aniversario da EET

Pioneiro na introdución en España do procesado de sinal e da súa posterior evolución cara á intelixencia artificial e á ciencia e enxeñaría de datos, Figueiras foi nomeado o 28 de xaneiro de 1999, doutor honoris causa pola UVigo, nun acto no que exerceu de padriño o catedrático Ramón Hermida Rodríguez. O enxeñeiro vigués regresaría en outubro de 2010 para participar no acto de celebración do 25 aniversario da EET que el contribuíra a crear. Daquela, Figueras lembrara na súa intervención o traballo desenvolvido man a man con Carlos Pajares, naquel intre reitor da USC, e co docente José María López Mas, chegado expresamente desde Barcelona, “para poñer en marcha este proxecto, hoxe realidade”.

No seu discurso, Aníbal Figueiras solicitou “tratar con cariño as telecomunicacións, porque son esenciais para a sociedade e para que as persoas poidan acadar o benestar” ao tempo que chamaba a atención sobre cuestións que precisaban de solución como a sobrecarga burocrática, unha mobilidade demasiado centrada en Europa, pouco peso da formación de posgrao, ou a insuficiente colaboración co sector empresarial.