Segundo a tese de doutoramento do escritor e xornalista Miguel Boó
A falta de comunicación entre científicos e xornalistas fomentou a mala imaxe do eucalipto
Identifica dez mitos sobre a especie tras analizar o seu tratamento na prensa en Galicia dende 1975
De todas as especies plantadas en Galicia, o eucalipto é das que goza dunha menor estima por parte da opinión pública, consecuencia de que “durante 35 anos padecera os efectos perniciosos da mala prensa”. Esta é unha das conclusións que Miguel Boó reflicte na súa tese de doutoramento, na que analizou as informacións que recollían os xornais en Galicia sobre o eucalipto dende 1975 a 2010, para contrastalas coa produción científica dos grupos de investigación expertos no estudo da especie. Tras afondar no tratamento que a prensa lle deu ao eucalipto, Boó sinalou que as afirmacións publicadas, facilitadas por fontes populares, crearon unha “imaxe distorsionada, mítica e falseada da especie arbórea”, dando lugar a un tipo de xornalismo “afastado das directrices dos expertos”.
Na súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Enrique Valero e calificada cun sobresaliente cum laude por unha unanimidade, o investigador e xornalista explicou que non era sorprendente a oposición da opinión pública á plantación do eucalipto “se dous presidentes da Xunta, parlamentarios, gobernadores civís, alcaldes, sindicatos, partidos políticos, xornalistas, cleros, estudantes,asociacións ecoloxistas, veciñais... declararon abertamente que era tóxico, destrutor da riqueza mariña e medio ambiental ou ata culpable da esterilidade das mulleres e das vacas”, engadiu. Boó apuntou como dato curioso o rango e a veracidade que nos medios de comunicación se lles deron a estas informacións “chegando a dedicarlle cinco columnas a unha carta de opinión dun tal Pompilio César Abeya Cruz”. Non obstante, advertiu que a ausencia de voces de expertos e científicos non se traduce “nunha acción deliberada por parte dos medios de comunicación”, senón máis ben dunha falta de iniciativa por parte da comunidade investigadora “que non accedeu á prensa e polo tanto non se reflectiron as súas opinións”.