DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A falta de control no ritmo do partido foi determinante na derrota do Universidade ante o Cetransa

O equipo vigués acumula cinco derrotas consecutivas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 17/10/2011

O bo xogo, o bo traballo técnico e os bos xogadores non foron suficientes para que Universidade de Vigo- Iveco acadase ante o Cetransa El Salvador a súa primeira vitoria na máxima categoría do rugby nacional. De novo, a dificultade para controlar o ritmo do partido, sumado a algunhas imprecisións, resultaron determinantes para que o equipo vigués sumase a súa quinta derrota consecutiva na División de Honra. A ausencia de Carlos Blanco, operado o pasado venres da súa dobre fractura na man esquerda, foi outro factor en contra a sumar no particular “debe” do Universidade Iveco que finalizou o encontro co marcador de Cetransa El Salvador 36-Universidade Iveco 20.

Tras unha primeira parte que rematou cun parcial de 14-3 en na que ao Universidade Iveco custoulle coller o ritmo, ao comezo da segunda parte o equipo vigués recibiu dous ensaios en contra, un deles transformado, polo que o marcador parcial púxose 26 a 3 a favor dos locais. Varios cambios introducidos polo técnico David Monreal melloraron o rendemento do Universidade Iveco que foi quen de gañar en profundidade avanzando metros. Sen embargo esta melloría no xogo dos vigueses non se puido traducir nunha vitoria que o equipo agarda se produza no vindeiro encontro que se disputará o domingo 23, no campus de Lagoas Marcosende, ante o Getxo.