DUVI

Diario da Universidade de Vigo

AUGAL proxecta 'Crebinsky' coa presenza dos seus creadores Miguel De Lira e Enrique Otero

A falta de salas de cine, boas son as prazas das vilas

Para distribuíla entre o público crearon un espectáculo que incluía un pasarrúas e un concerto music

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 07/02/2012

“Os que sabían de cine dicían que non iamos a ningún lado e que a ninguén lle interesaría este proxecto. Deunos un baixón, pero decidimos distribuír este proxecto nós mesmos”. Con estas palabras exemplificou a complexidade do mundo audiovisual Miguel De Lira, famoso actor galego e un dos creadores de Crebinsky, ficción que este martes se proxectou no ciclo de cine AUGAL 2011-2012. Acompañado polo director Enrique Otero, ambos explicaron ao alumnado de Comunicación Audiovisual as trabas para comercializar unha peza “diferente e orixinal” polo que deseñaron un modelo de distribución innovador que levaron a cabo sen experiencia previa, “proxectando a película nas prazas das vilas”, comentou De Lira.

Máster Class AUGAL 2011-2012, proxecto abandeirado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e promovido polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, decidiu traer á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a película Crebinsky dado o seu éxito de público e de crítica. Antes da súa proxección, os seus dous creadores transmitiron optimismo ás novas xeracións do audiovisual, pois a pesar da falta de apoio e de confianza do sector, eles decidiron continuar co proxecto e “aquí estamos, cunha das películas máis vistas do cinema galego con 12 premios en 11 festivais”, engadiron Otero e De Lira.

Promoción con espectáculos na rúa

Para promocionar a película, decidiron desenvolver un espectáculo polas principais cidades de Galicia, chamado o Universo Crebinsky, que incluía un pasarrúas dunha banda de música creada para a ocasión e da que forma parte o propio director, a propia proxección da película e un concerto final da banda. “Deste xeito conseguimos financiamento para poder crear un maior número de copias e tanto foi o éxito que o grupo acaba de gravar o seu primeiro disco”, destacou De Lira. Confesaron que a axuda da produtora de Luis Tosar, Zirco Zine, “foi vital”, creando unha especie de cooperativa artística coas demais pequenas produtoras de Miguel De Lira, Chévere Visión, e de Enrique Otero, Control Z.

Crebinsky recolle as aventuras de dous irmáns que viven na costa coa súa vaca Muchka que acaba desaparecendo, unha historia fantástica que se converte na primeira longametraxe dirixida por Otero. “Todos os comentarios sobre o filme destacan a frescura do proxecto, pois a maioría dos directores noveis acostuman comezar cunha obra máis intimista, máis de problemática social”, de aí que Crebinsky sempre logre un recoñecemento nos festivais con respecto a outras óperas primas. Tanto De Lira como Otero sinalaron que o risco asumido por facer algo diferente permitiulles ofrecer “unha alternativa a un mercado saturado de películas iguais”. Esta idea orixinal é froito de moitos anos de amizade entre Enrique Otero e Miguel De Lira, que nun primeiro momento pensaron en facer unha curtametraxe para logo acabar realizando unha película.

Fóra desánimos

Os dous profesionais gabaron a importancia de que se celebren este tipo de ciclos de cine nas facultades e centros de formación “para achegar á canteira galega o que se está facendo na nosa terra e así valoralo”. Aínda que son conscientes de que o sector audiovisual galego non está a pasar polos seus mellores momentos e que “cada vez hai menos cartos para a cultura”, aconselláronlles aos futuros profesionais que non se desanimen nin abandonen o seu soño.

A seguinte cita con AUGAL 2011-2012 está prevista para o 6 de marzo coa proxección do documental Digna Rabia que será explicado polos seus autores, os profesores Ángel Rodríguez e Victoria Martins.