DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese de doutoramento pon sobre a mesa as principais causas e efectos na adherencia ao tratament

Falta de temor e ausencia de dor provoca que mozas e mozos diabéticos non cumpran o tratamento

A longo prazo a falta de adherencia ao tratamento pon en perigo a súa saúde

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 08/01/2013

Os mozos diabéticos que acoden ás revisións periódicas para o control endocrino saben o que han de facer pero, na súa maioría, non o levan a cabo, pondo así en perigo a súa saúde. Este abandono da norma débese, entre outros motivos, á súa falta de temor aos efectos a longo prazo e á ausencia de dor, un dos fenómenos fisiolóxicos que máis inflúen na conciencia de estar enfermo e, por ende, que máis afectan á hora de cumprir coas prescricións médicas. Son parte das conclusións ás que chegou a especialista en Psicoloxía Clínica Minia Miramontes na súa tese de doutoramento, unha investigación na que afonda nos trastornos alimentarios que sofren os pacientes diabéticos tipo 1, analizando en detalle as principais causas e efectos na adherencia ao tratamento.

Ata o de agora os estudos sobre os trastornos alimentarios en mozos diabéticos centráranse na categoría diagnóstica de anorexia, bulimia e trastornos non completos destes síndromes, pero dada a gravidade que para a diabetes tipo 1 ten calquera transgresión alimentaria, a autora do estudo optou por afondar nesta problemática ampliando o estudo a todos aqueles pacientes que transgreden a pauta alimentaria prestando especial atención ás causas que provocan este incumprimento. “Trátase de tentar afondar no porqué”, subliña a doutora, que fai fincapé en que na actualidade o sistema sanitario só atende aos primeiros e obvia aos segundos, tratándoos só como incumpridores “pero se coñecemos as súas razóns é posible poder actuar”, advirte Miramontes, que propón “a creación dun protocolo para a súa aplicación tanto na consulta clínica como polos educadores en diabetes”.

Falta conciencia de padecer unha enfermidade crónica

Á vista dos resultados acadados na investigación, a falta de conciencia plena ou interiorización de ter unha enfermidade crónica é a que parece estar implicada na maior parte dos casos de incumprimento da pauta alimentaria. A xuízo da investigadora os mozos diábeticos que violan a dieta non se formulan os efectos a longo prazo. “Moitos teóricos achacan esta actitude ante a enfermidade á presenza do optimismo propio da xuventude, pero na mostra analizada neste estudo non observamos diferenzas relevantes no que a idade se refire”, subliñou Miramontes.

Vista a evolución dos pacientes analizados, os datos parecen confirmar que se produce unha cristalización dos conceptos de crenzas sobre a saúde con mínimas variacións que parecen manterse por longo tempo, “os contextos que inflúen sobre a conduta de violación da dieta semellan similares aos da poboación que precisa levar unha dieta estrita, haxa ou non patoloxías”, subliña a especialista, que recalca que “crer coñecer a enfermidade non é óbice de que vaian a cumprir toda a terapéutica”.

O estudo da actitude dos pacientes analizados pon sobre a mesa a necesidade de que cando a un mozo se lle diagnostica a enfermidade ha de cambiar o modo de alimentarse pero sen cambiar de lugar, mantendo o mesmo ámbito biopsicosocial en onde xa están instaurados os seus hábitos ou modos alimentarios. “Un mozo diabético ha de reaprender a comer no mesmo escenario onde estean os alimentos que lle atraen e son consumidos polos seus iguais pero que lle están prohibidos”, recalca Miramontes. Ante este punto a autora defende a conveniencia da realización dunha investigación na que se estude a incidencia da transgresión da dieta segundo a idade na que se diagnostique a enfermidade co fin de comprobar a hipótese de que canto antes se detecte, mellor adaptación ao réxime alimenticio da diabetes.

A dieta pode “ser variada e atractiva ” e romperse en momentos especiais

De cara a evitar posibles transgresións alimentarias a autora do estudo defende a necesidade de concienciar ao paciente de que a súa dieta pode ser “variada, atractiva e creativa” deseñando menús amplos onde atopar elementos acordes aos seus gustos e, xunto a isto, resulta básico deixarlles claro que poden romper a dieta en momentos especiais e, posteriormente, realizar condutas compensatorias.

A pesares de ser un proceso crónico, a autora do estudo defende a necesidade de establecer metas a curto prazo, como podería ser, por exemplo, as melloras a conseguir ata a seguinte consulta, recalcando o positivo de todo o logrado polo paciente, “acaso o feito de acudir a consulta, non é xa un éxito?”, recalca Miramontes, que subliña a necesidade de cambiar a actitude ante o paciente, “atopámonos ante unha persoa que sofre unha carencia biolóxica, a xeración de insulina, el/ela é así e sen esta carencia non sería el/ela”.