DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo pioneiro das profesoras Cristina López e Mª Ángeles Fernández

A falta de tempo condiciona a práctica físico-deportiva das mulleres galegas

Camiñar e natación son as actividades máis practicadas pola poboación feminina

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 29/06/2009
A finais do século XIX o barón Pierre de Coubertin, fundador dos Xogos Olímpicos modernos, declaraba que o rol das mulleres neste acontecemento era o de coroar os vencedores. Dous séculos despois o salto con pértega dispuxo por primeira vez de categoría feminina na cita olímpica, dando pé ao nacemento dunha plusmarquista de referencia como Yelena Isinbayeva, que exemplifica o ascenso da muller no deporte. A evolución desenvolvida neste tempo, é notable pero para impulsar o deporte feminino e que continúe o seu ascenso, convén antes estudar detidamente o panorama actual. Iso foi o que fixeron as profesoras da Facultade de Ciencias a Educación e do Deporte, Cristina López e Mª Ángeles Fernández no estudo A realidade físico-deportiva das mulleres en Galicia que lles permitiu coñecer, desde una perspectiva cuantitativa, a realidade da práctica da actividade física e deportiva da poboación galega.
A partir dunha mostra de 2160 suxeitos (50% mulleres) e dos datos tirados das respostas das 1080 mulleres, apréciase que algo máis da metade das maiores de 10 anos (53.8%) practica algún deporte ou actividade física, sendo o grupo de 10-19 anos o que máis o fai (66.2%). E que é o que fan? A actividade físico-deportiva máis practicada é camiñar, seguida da natación e as actividades aeróbicas con soporte musical. Uns resultados que resultan “pioneiros”, segundo comentan as autoras “porque é a primeira vez que a análise dos datos se fai desde o punto de vista das mulleres xa que tradicionalmente se fai comparando".

Satisfacción versus abandono

A parte diso, unha das conclusións máis sobranceiras do estudo é a que se deriva da confrontación de dous datos: o alto de grao de satisfacción das mulleres coa práctica físico-deportiva (95%) fronte ás altas taxas de abandono. No grupo de idade de 10-19, un 67% das mulleres abandonou a práctica deportiva. Unha taxa que vai descendendo ata o 41% nas mulleres de 50-59 e cae ata o 35% nas de 60-69. Ademais, conforme aumenta o nivel de estudos aumenta o abandono da práctica deportiva. Os dous motivos principais polos que as mulleres galegas deixan a práctica de actividade físico-deportiva teñen que ver coa falta de tempo e co xurdimento doutras necesidades ou obxectivos na súa vida.
Ao respecto, López e Fernández apuntan que “unha das causas máis importantes é a falta de tempo”. E que, “aínda que neste estudo non se analizou, existen outros asociados ao coidado da familia e ao inicio da actividade laboral”. Aluden a un estudo da Junta de Analucía feito en 2008 que revelou que o 86% das mulleres retomaría a práctica deportiva se tivese colaboración nas tarefas do fogar e un 69%, se existise oferta para o coidado dos nenos no lugar onde practica.

Vida familiar, laboral e deportiva

Á vista destes datos, semella que ás medidas de conciliación da vida familiar e laboral, habería que engadir tamén a práctica deportiva porque “é fonte de saúde e o feito de que non se teña tempo é algo que acontece máis no caso das mulleres, que son as que se fan cargo en maior medida das tarefas do fogar e do coidado dos dependentes”.
Na actualidade o Consejo Superior de Deportes está realizando un plan estratéxico sobre a igualdade efectiva entre homes e mulleres ante o que López e Fernández se amosan “optimistas de cara ao futuro” ao tempo que esperan “que os políticos e as persoas que dirixen as institucións relacionadas coa actividade física e o deporte leven a cabo cambios que faciliten a participación das mulleres”. As investigadoras, tamén chaman a atención sobre os medios de comunicación onde existe "unha situación de invisibilidade" do deporte feminino o que condiciona o apoio dos patrocinadores, ao tempo que se transmite un modelor irreal de muller.
O libro publicado na colección Estudos da Xunta de Galicia, remata cunha relación de propostas destinadas a acadar unha maior presenza da muller nos ámbitos deportivos institucionais, da práctica deportiva e tamén da investigación.